Na rolda de prensa da Xunta de Goberno local deste xoves, o alcalde valorou o anuncio por parte do Ministerio de Cultura de ceder a construción do Arquivo e da Biblioteca de San Francisco á empresa Copasa, logo de que Isolux Corsan renunciara a rematar as obras.
Jesús Vázquez aclarou que aínda que o ministro prometera a recepción da Biblioteca con carácter inmediato na reunión mantida entre ambos o 9 de marzo, esta non fora aínda posible porque os interventores do Ministerio desprazados a Ourense “detectaran uns pequenos fallos” no edificio. Será Copasa quen subsane esas deficiencias, estimando o rexedor que no prazo dun mes a infraestrutura poida ser entregada ao Goberno central, quen logo a transferirá á Xunta, que se fará cargo da súa xestión. A previsión que se manexa é que a finais deste ano a Biblioteca poida estar aberta, “sendo optimistas”, puntualizou o alcalde.
Copasa asume tamén o remate das obras do Arquivo, moito máis atrasadas. Segundo confirmou Vázquez, a empresa xa deu as ordes para iniciar estes traballos de maneira inmediata. De feito, a próxima semana presentará o plan de traballo ao Ministerio de Cultura. “Espero que á terceira vaia a vencida”, valorou o rexedor ourensán, facendo referencia ao longo proceso de construción do Arquivo e a Biblioteca de San Francisco, que se iniciou en 2003 e no que por dúas veces renunciaron as empresas adxudicatarias.