O Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole aumenta ata 89 a súa nómina de empresas coa incorporación de catro novas iniciativas de negocio especializadas na prestación de servizos TIC avanzados, comercio electrónico de produtos gourmet e formación.
A consultora Legal Forma instálase no edificio Tecnópole I para prestar servizos de seguridade informática e desenvolvemento de actividades formativas e solucións TIC, principalmente de e-learning, simulación 3D e realidade virtual, nos ámbitos dos idiomas, da saúde e técnico.
Na modalidade de domiciliación virtual, chegan a Tecnópole outras tres empresas. Ultrasmarts Networks presta servizos avanzados de xestión de datos nos eidos do big data e da business intelligence, a vez que desenvolve aplicacións móbiles, plataformas de comercio electrónico e xestión de redes sociais.
O exitoso mercado dos produtos gourmet é a oportunidade de negocio na que se centra Atlántica Trader Global, dedicada á venda online dunha ampla gama de alimentos delicatessen, bebidas e suplementos nutricionais.
Por último, Conforma Consulting presta servizos de formación dirixida a múltiples sectores, como o do transporte profesional, o da saúde, o da prevención, o da construción e o adestramento en habilidades directivas mediante coaching, entre outros.