«A forma das cousas», dirixida por Carlos Álvarez Ossorio, chega este xoves 14 de abril ás 20:30 horas ao Auditorio Municipal. Os actores que dan vida á parella protagonista, Sara Casasnovas e Borja Fernández, presentaron este luns a función coa presenza do programador cultural do Auditorio, Manuel Freire, e da concelleira de Cultura, Belén Iglesias.
A obra, cuxa première foi o pasado 18 de marzo no Teatro Colón da Coruña, interpela directamente o público ao reflectir circunstancias habituais da vida e que formula preguntas que, antes ou despois, todos teremos que respostar. A través dun humor afiado e cheo de ironía, ‘A forma das cousas’ retrata unha sociedade na que as apariencias superan calquera outra consideración.
O texto centra o protagonismo na parella formada por Evelyn (Sara Casasnovas), unha excéntrica estudante de arte, que revoluciona a vida de Adán (Borja Fernández), disposto a todo por lograr a súa atención ante a ollada atónita de Fili (machi Salgado) e Jenny (Victoria Pérez). Na función entra en escena tamén a música ao vivo do pianista Pablo Seoane, que ademais de “converterse nun actor máis, achégalle á obra moita máis verdade”, en palabras do actor Borja Fernández.
En total, 80 minutos de risas e certa tensión dirixidos por Carlos Álvarez Ossorio, quen adaptou o texto de Neil Labute, un dos autores máis prestixiosos da escena americana e considerado o herdeiro natural de David Mamet.
As entradas xa están á venda ao prezo de 6 € en Ataquilla.com ou nas billeteiras do Auditorio dúas horas antes do comezo da obra. A función está recomendada para maiores de 16 anos.