- Este evento ha pasado.
Presentación de libro: «O enigma de Caronte»
15 abril, 2016 @ 8:00 pm - 9:00 pm
O best seller Carlos Vila Sexto presenta este venres 15 ás 20h, no Liceo de Ourense, a súa nova novela, O enigma de Caronte, acompañado por Mariluz Villar, dramaturga e escritora, e polo editor Francisco Castro.
A novela comeza durante o último verán que Dani e os seus amigos van pasar xuntos en Cabo Lázaro e que vén marcado pola morte accidental de Marcos, un compañeiro de clase. As sospeitas iniciais de Dani de que talvez se atopen fronte a un asasinato vénse reforzadas cando este descobre unha misteriosa mensaxe que o seu amigo lle deixou antes de morrer e que os sitúa sobre a pista dun tesouro agacahado nalgún lugar da pequena vila costeira. Non son conscientes de que alguén segue os seus pasos, un inquietante forasteiro que pode ser o asasino de Marcos e que non dubidará en apartar os rapaces do seu camiño do xeito que sexa. Pero a misteriosa identidade deste home non é o único segredo que ameaza Cabo Lázaro, e a morte de Marcos non é o único crime que deberán desentrañar…
Carlos Vila Sexto naceu na Coruña en 1977, aínda que a súa vida familiar está moi ligada á cidade de Ourense, onde transcurriu boa parte da súa infancia e adolescencia. Lector e escritor precoz, deuse a coñecer aos catorce anos cando publicou a súa primeira obra, Alén da aventura (1992), gañadora do certame de novela xuvenil “Rúa Nova”. Un ano máis tarde deu ao prelo Gárgola, e en 1995, Cara a fin da luz. Leva moitos anos traballando na escrita de guións para series audiovisuais e películas, ámbito no que centra o seu traballo profesional. En Costa Oeste publicou a súa exitosa e premiada polas lectoras e lectores, As sete mortes.