A convocatoria pública do pasado domingo en Benposta reuniu unhas 90 persoas de diferentes colectivos, que acordaron “loitar até o final” para recuperar este espazo como patrimonio dos ourensáns, decidindo crear unha asociación que se denominará “Benposta-Ourense”.
Nun comunicado de prensa informaron que segue aberta a nulidade presentada sobre a subasta dos terreos, “tanto pola non notificación a Fundacións da poxa incumplindo a Lei de Fundacións, e tamén, porque a oferta realizada non respeita o 50% que esixe a Lei de Enxuizamento Civil cando se trata de vivenda habitual”.
O colectivo está estudando a posibilidade de que Benposta sexa declarado Ben de Interese Cultural “para protexer patrimonialmente e culturalmente a zona para evitar e blindar posibles especulacións urbanísticas no futuro e asi tamén garantir a súa propia esencia como proxecto comunitario”. Asemade, instarán ás forzas políticas con representación parlamentaria a que defendan nos plenos a conservación do patrimonio “material e inmaterial histórico” de Benposta, tanto a nivel municipal, como autonómico, español e internacional.
Ademais, acordaron redactar un proxecto para a reactivación de Benposta-Ourense, e crear un perfil nas redes sociais da asociación para publicitar o traballo que se desenvolva.