Rexistros sanitarios, reparto de folletos informativos ou charlas divulgativas son algúns dos contidos da feira, instalada na avenida de Pontevedra.

Rexistros sanitarios, reparto de folletos informativos ou charlas divulgativas son algúns dos contidos da XIII Feira Municipal da Saúde, instalada ata este mércores nunha carpa na avenida de Pontevedra. Alí, están representados 30 colectivos do ámbito da saúde, incluíndo o propio Concello de Ourense.

A Feira é o acto máis destacado da conmemoración en Ourense do Día Mundial da Saúde, que este ano leva por lema “Vence a diabete. Mantente en superforma!”. E precisamente para previr a diabete podemos realizarnos no stand da Asociación Diabética Auria unha simple proba que en menos dun minuto diranos o noso nivel de glicosa en sangue. Tamén podemos chequear a nosa vista no stand da Asociación Española contra o Cancro, medirnos a tensión arterial no de Alcer e medirnos e pesarnos no da Concellería de Saúde.

A Asociación ourensá de esclerose múltiple, ELA, Párkinson e outras enfermidades neurodexenerativas, a Asociación de persoas xordas, ATOX, a Asociación de propietarios de mascotas Ourense, Progape, Autismo Ourense, a Asociación ourensá de hemofilia, Renacer, a Asociación de fibromialxia e fatiga crónica, o grupo 24 de Alcohólicos Anónimos, a Asociación de enfermos de Crohn e colite ulcerosa, Afaor, Trascos, ADO, a Plataforma de Afectados pola Hepatite C, os responsables das colonias de gatos, a Asociación de familiares e persoas con TDAH Turuleque, o Colexio de Licenciados en Educación Física, a Asociación galega de nenos/as prematuros, a Asociación Galega contra enfermedade neuromuscular, a Cruz Vermella, a Asociación ourensá de trastorno bipolar, a Asociación de saúde emocional, infancia e adolescencia, o Comité Cidadán Antisida e o Colexio Oficial de Farmacia completan a Feira.

Na xornada de mércores haberá charlas sobre almorzos saudables (11h), xordeira (12h), prevención de accidentes no fogar (17h), prevención do cancro de colon (17:30h), contacontos en lingua de signos (18h), e para pechar a feira, analizaranse as repercusión da diabete infantil (19h).

Outros actos do Día Mundial da Saúde

Dentro dos actos do Día Mundial da Saúde, ata este mércores as farmacias da cidade realizarán rexistros sanitarios gratuítos. O 13 de abril, asemade, haberá un flashmob a cargo da Asociación Autismo na praza Maior ás 11:30 horas, e un obradoiro de exercicio físico guiado ás 17 h no parque biosaudable do Barbaña.

O venres 17 o Centro de Promoción da Saúde das Lagoas acolle unha charla sobre diabete xestacional e lactancia materna a partir das 18:30 h.

Para pechar a programación, o domingo 17 organízanse dous paseos saudables, un coas mascotas e outro polos parques biosaduables do Barbaña, Polvorín, Lonia e Paseo das Ninfas. En ambos caso a saída é ás 9:30 da explanada da ponte Romana e a inscrición debe realizarse en www.apmou.com para o paseo cos cans, e en www.ourense.gal ou na Concellería de Saúde para a camiñata polos parques.