A Revista Lethes, publicación de carácter cultural da comarca da Limia, alcanza o seu número 12.
O Centro de Cultura Popular da Limia promove desde 1999, ano da súa creación, esta revista, que se inspira no espírito da Revista Nós e que recolle “os valores culturais, de etnografía, paisaxe, de creación artística” desta comarca, apunta o seu representante, Manuel Seoane. Este número en particular inclúe artigos sobre xeoloxía, termalismo ou botánica, así como dez poemas inéditos de Antón Tovar, recopilados por Delfín Caseiro, ou un artigo do escultor de Xinzo Xosé Lois Carreira. Tamén se pode ler nela unha reseña sobre a Vía Nova, cuxo tramo entre Porto Quintela e A Saínza vén de ser restaurado como ruta de sendeirismo. Todos eles escritos en galego.
A publicación vai ser presentada este sábado ás 17.30 horas no Museo da Limia, anticipando tamén así a celebración do 20º aniversario do museo na súa sede actual, a reitoral de Vilar de Santos, que se cumpre no mes de maio.
No acto de presentación participarán Manuel Seoane, Antón Riveiro Coello, Luis Álvarez Pousa e Xosé Manuel Cid Fernández. A actuación musical do dúo formado polo pianista Luis Umberto Cao e o tenor Baldomero Pavón complementará o evento, e haberá uns petiscos cortesía de Coren e Viña Costeira. Os que se acheguen ata o Museo poden aproveitar para contemplar a exposición de instrumentos musicais que acolle estas datas.
A Revista Lethes, que dirixe Xosé Badás, é publicada pola Deputación de Ourense e está á venda en librerías da comarca da Limia. Nos seus 12 números, ao redor de 150 autores teñen colaborado de maneira desinteresada coa publicación.