Na Xunta de goberno local tamén se aprobou a sinatura dun convenio co Sergas en materia de Voluntariado para realizar labores de acompañamento aos pacientes que se atopan sós no Complexo Hospitalario.

O Concello de Ourense porá en marcha un laboratorio de ideas para incentivar a participación xuvenil

A  Concellería de Xuventude de Ourense pon en marcha unha nova iniciativa para motivar a participación xuvenil na cidade, o «Laboratorio de propostas xuvenís». O seu obxectivo é abrir as programacións da Concellería de Xuventude ás propostas de todos grupos xuvenís organizados, autónomos ou empresas que queiran participar. Con esta iniciativa, o Concello quere ampliar e mellorar a oferta de actividades xuvenís da nosa cidade e darlle importancia aos proxectos innovadores. As bases desta convocatoria foron aprobadas este xoves en Xunta de Goberno local.

Neste Laboratorio caben todo tipo de propostas: cursos, obradoiros, exhibicións, charlas, saídas, viaxes, animacións, exposicións, representacións, concertos, concursos, festivais, maratóns e outras actividades de ocio xuvenil, animación sociocultural e educación non formal referidas un amplo abanico de ámbitos: música, audiovisuais, TICs (Tecnoloxías da Información e da Comunicación), plástica e manualidades, expresión corporal e danza, natureza e medio ambiente, cultura, solidariedade, deportes, emprego, desenvolvemento persoal e de grupos, saúde e sexualidade, turismo e calquera outro ámbito que sexa considerado de interese xuvenil.

O ámbito de actuación terá que ser na cidade de Ourense e daráselle prioridade ás proposta presentadas por entidades,autónomos ou empresas, con domicilio fiscal na nosa cidade, e terán que desenvolverse até o 30 de novembro de 2016. Non se trata dunha liña de subvencións, senón dun concurso de ideas: as que mellor se adapten ás actividades da Concellería de Xuventude, poderán recibir até un máximo de 1.500 euros. O Concello financiará con 10.000 euros este «Laboratorio de propostas xuvenís».

As propostas presentaranse no Rexistro Xeral do Concello de Ourense ata o 4 de maio inclusive.

Voluntariado

Na mesma sesión da Xunta de Goberno local, pero fóra da orde do día,  aprobouse o convenio de colaboración entre o Sergas co Concello de Ourense para o programa de Voluntariado “Achégate”. Trátase dun programa de voluntariado para acompañar persoas en situación de soidade nas instalacións hospitalarias.

Os voluntarios municipais realizarán as tarefas de voluntariado de luns a venres, en horario de 10 a 12 horas, emprazándose no Punto de Información do CHUO e en constante colaboración cos servizos sociais e de información do Complexo Hospitalario. As actividades nas que se pode colaborar son compañía e acompañamento, tarefas de información, xestión e apoio dentro do centro hospitalario, e apoio en obradoiros dentro do hospital.

Outros acordos

A Xunta de Goberno tamén aprobou o convenio de colaboración entre o Concello de Ourense e Sarabela Teatro SL, para o desenvolvemento da XXI edición da “Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense” (MITEU), ao que o Concello destina algo máis de 40.000 euros para o pago de cachés, dereitos de autor e outros traballos organizativos, cedendo tamén o Auditorio para a Mostra.

Ademais, aprobouse unha nova convocatoria de subvencións para a realización das Inspeccións Técnicas de Edificios (ITEs), cun orzamento global para este ano de 25.000 euros. A cantidade máxima subvencionble por propietario será de 200 euros.