O Concello de Allariz e a asociación ADEGA presentaron o balance de situación do programa RE (programa de recollida de lixo e separación de materia orgánica) que a administración alaricana está a poñer en marcha na vila.
Logo de finalizar a primeira fase do proxecto, información e concienciación dos veciños, os técnicos municipais levaron a cabo o proceso de dotación loxística co reparto de composteiros individuais para todas aquelas vivendas que o solicitaron e a creación dunha ampla rede de composteiros comunitarios. Allariz conta con 24 illas de compostaxe ubicadas na zona urbana e máis de 130 composteiros que recollerá, cada un, a materia orgánica de aproximadamente 15 familias.
Ademais vén de poñerse en marcha a máquina de tratamento de materia orgánica, no parque empresarial de Chorente, á que irá destinada a recollida porta a porta de materia orgánica de grandes productores.
O proxecto conta con inversión externa do plan provincial 2015, cas axudas a parques empresariais para dotación de maquinaria da Consellería de Industria e, tamén, a través do Ministerio de Medio Ambiente co programa PIMA que se desenvolverá ao longo do 2016.
“Allariz é o primeiro concello galego que fai unha proposta integral de reciclaxe e separación de materia orgánica para toda a poboación”, explicou o alcalde, Francisco García.
A existencia dunha ordenanza municipal, modificada para cambiar os hábitos da xestión da recollida do lixo e a conxelación da taxa do lixo durante cinco anos, son medidas complementarias que o Concello levará a cabo.
O Concello de Allariz participará no sexto seminario de Composta en Rede para compartir e aprender doutros municipios as diferentes experiencias nesta área.