O alcalde de Verín, Gerardo Seoane Fidalgo, compareceu este venres no novo Centro Cultural e das Artes de Verín para presentar aos medios de comunicación os detalles destas instalacións.
Esta fin de semana, en horario de 11 a 14 e de 17 a 19 horas, o Centro Cultural e das Artes realizará unhas xornadas de portas abertas “para que todas aquelas persoas que queiran ver por si mesmas os detalles e as instalacións desta nova infraestrutura do Concello de Verín”, afirmou o rexedor.
Trátase dun edificio de 4.500 metros cadrados, que supuxo un investimento total de 3,3 millóns de euros, achegados pola Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense, e que polo momento carece de certificado final de obra, tal e como denunciou esta mesma semana o Partido Popular. “O certificado farase cando estean as probas de son, iluminación e de calefacción, a partir do día 20”, respostou o alcalde.
Gerardo Seoane comezou a súa intervención nomeando algúns dos problemas dun “edificio polémico desde a súa orixe”, nomeadamente a expropiación de terreos, que fora anulada polo TSXG. Indicou que o Concello ten “un principio de acordo cos propietarios”; pola vía de convenios. De non chegar a ese entendemento, “utilizaremos o que nos di a sentenza, expropiación forzosa”.
Tamén se referiu ao feito de que ningunha das melloras presentadas pola empresa construtora se realizaron, “foronse facendo diversos modificados e esas melloras non están executadas nin se van executar”, afirmou o político socialista. Ou aos 1.150.000 euros que o anterior rexedor aseguraba que estaban comprometidos pola Xunta para a urbanización dos accesos, diñeiro que “non apareceu nunca”.
O Concello tamén atopou deficiencias nas instalacións, como que a acústica do salón de butacas non é a óptima, o recinto carece de pantalla de proxeccións, o sistema de son non é o axeitado, e parte das butacas das tribunas superiores non teñen visibilidade sobre o escenario.
Con todo, Seoane non quixo polemizar: “aquí non vale que eu lle bote a culpa a alguén ou que ma boten a min, isto é o que hai e hai que sacalo para adiante”. Así, adiantou algúns dos usos do Centro Cultural e das Artes de Verín. Dunha banda, será a sede do Conservatorio de Música da vila, á que se destinarán catro aulas; doutra, o Concello solicitará á Consellería de Educación a concesión dun ciclo de imaxe e son de FP, para o que se reservarán as outras catro aulas.
Tamén se pretende crear unha radio escolar, organizar seminarios en colaboración coas Universidades de Santiago e de Vigo, utilizalo como sala de exposicións, integrarse na rede de auditorios de Agadic, e programar unha sesión mensual de cine de estrea, así como representacións teatrais.
Custo do mantemento
O Concello de Verín ten aínda que dotar de mobiliario o recinto, para o que xa reservou unha partida nos próximos orzamentos, e en canto ao persoal que o atenda, asignarase unha persoa que realizará función múltiples. Ademais, para as tarefas de mantemento firmarán unha asistencia técnica cunha empresa local. Unha primeira estimación fala dun custo de mantemento duns 120.000 euros anuais, “o gasto todo depende do que o utilicemos”, valorou Seoane Fidalgo.
Parque de 7 hectáreas
O alcalde aproveitou a presentacióndo Centro das Artes para anunciar un gran parque de sete hectáreas ao seu redor. Para tal fin, o Concello realizará unha modificación puntual do Plan urbanístico e deberá obter os terreos colidantes.