O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, destacou este luns varios fitos fundamentais neste eido que aconteceron en Ourense dende o traspaso á Comunidade Autónoma das funcións e servizos do Instituto Nacional da Saúde, como a creación dos primeiros centros de saúde docentes en 1991 ou a inauguración del edificio de Hospitalización psiquiátrica e Hospital de Día para enfermos agudos en 1996.
Tamén salientou a declaración do Complexo como hospital universitario en 2011, ano no que tamén se puxo en marcha a xestión integrada na provincia, ou máis recentemente, o novo edificio de hospitalización, que pronto entrará en funcionamento.
Vázquez Almuiña inaugurou a exposición conmemorativa do 25º aniversario do Servizo Galego de Saúde, na rúa do Paseo, na que se pode ver como teñen cambiado as infraestruturas, os servizos, as persoas e o sistema nestas décadas; pero engadiu que, se ben achegan un punto de nostalxia, o obxectivo do Sergas é mirar cara o futuro e seguir mellorando. Hoxe, indicou, Ourense conta cun Complexo Hospitalario Universitario, 2 hospitais comarcais, 14 Puntos de Atención Continuada e 106 centros de saúde.
Na súa intervención, agradeceu o compromiso e o traballo dos profesionais sanitarios, e destacou as grandes diferencias entre o sistema sanitario público actual e o de hai 25 anos. Así, incrementouse a rede hospitalaria pública ata 14 complexos hospitalarios; abordouse unha profunda reforma da Atención Primaria aumentándose de forma espectacular o número de centros de saúde e consultorios; puxéronse en marcha o 061 e os PACs; e creouse o Centro de Transfusións de Galicia. Ademais, o cadro de persoal supera a día de hoxe os 36.000 traballadores, cando en 1990 era de 19.000.