Un encontro cos medios de comunicación ourensáns que cubrirán a carreira, unha reunión en Cabeza de Manzaneda cos alcaldes dos municipios polos que discorrerá a “Vuelta” e un acto infantil para promover o ciclismo entre os máis novos son os eventos programados para as vindeiras semanas.
O presidente da Deputación, Manuel Baltar, e o director xeral da “Vuelta a España”, Javier Guillén, reuníronse no Pazo Provincial para analizar aspectos organizativos e de coordinación da proba ciclista, que disputará o vindeiro mes de agosto catro etapas na provincia ourensá.
Un dos temas que trataron foi o encontro que está previsto celebrar na provincia de Ourense a principios do vindeiro mes de maio cos medios de comunicación ourensáns que van cubrir informativamente esta proba ciclista internacional, co fin de darlles a coñecer tanto os aspectos deportivos como os referidos á repercusión económica e social que terá a 71ª edición da “Vuelta a España”.
Outro dos temas foi a organización, tamén no vindeiro mes de maio, dun acto que ten como obxectivo implicar aos deportistas máis novos da provincia de Ourense no ámbito do ciclismo.
E por último, unha reunión que se celebrará en xuño na estación de montaña de Cabeza de Manzaneda cos alcaldes de todos os concellos ourensáns polos que pasa a “Vuelta a España”. Taméne servirá para coordinar os dispositivos necesarios para o desenvolvemento da carreira.
Etapas
A presentación de equipos terá lugar en Arnoia, sendo a primeira etapa unha crono entre Laias (Cenlle) e o Parque Náutico de Castrelo de Miño. A segunda etapa terá a súa saída na cidade de Ourense, a sexta etapa terá como meta a localidade de Luintra, e a sétima etapa sairá de Maceda.