Co gallo do Día Mundial da Terra, Ourense en Común analiza o compromiso ambiental do equipo de goberno no Concello de Ourense. Para OUeC, as propostas que o PP recollía no seu programa electoral «non responden ás necesidades urxentes que o municipio precisa en materia ambiental».
Un dos puntos recollidos no citado programa do PP era a mellora do río Barbaña ao seu paso pola cidade, “un punto urxente e necesario para tratar por canto este río leva padecido, con graves verteduras, a última hai escasas semanas, sen que as administracións implicadas, o Concello entre elas, sexan competentes para pór freo á perda da biodiversidade e ao perigo que estes vertidos supoñen para a saúde das veciñas e veciños de Ourense”.
As principais asociacións ecoloxistas presentaban o pasado ano un documento que recollía unha serie de propostas para o desenvolvemento de actuacións políticas sustentables a nivel local. Entre as súas medidas destacan as relacionadas precisamente coa auga, coa reducción, reciclaxe e compostaxe dos R.S.U. ou co impulso dunha contratación pública verde. Todo parece indicar que estes son algúns compromisos que obviará o PP para a cidade de Ourense por canto a planta de compostaxe está infrautilizada e a esixencia da inclusión de criterios de sustentabilidade nos pregos técnicos de contratacións públicas non é unha preferencia para o goberno.
“É prioritario corrixir o incumprimento reiterado da normativa ambiental por parte das administracións locais, o que serviría como base dunha boa campaña de sensibilización e concienciación á veciñanza xunto coa participación da mesma e dos colectivos ecoloxistas e demais axentes en mesas de traballo fomentadas polo Concello, creando unha rede de traballo que fiscalice a situación medioambiental en cada un dos barrios da cidade”, propoñen desde Ourense en Común.