O Grupo Municipal Socialista no Concello de Piñor, vén de rexistrar unha solicitude para instar ó goberno municipal para que amplie o prazo de información pública e de presentación de alegacións ó PXOM de Piñor. Tal como relata o seu voceiro, Francisco José Fraga, recibiron numerosas queixas, por parte dos veciños e veciñas, debido a que o prazo de dous meses determinado polo goberno municipal, resultara totalmente insuficiente para comprenderen todo o contido e toda a documentación do Plan Xeral de Ordenación Municipal. A teor destas queixas recibidas, que o prazo remate o vindeiro 8 de Maio, tal como anuncian dende o propio Concello de Piñor, é, a todas luces, insuficiente para entender un plan que lles afecta no tocante ás súas propiedades e vivendas, sen darlles tempo a que realicen as alegacións convintes, caso de querer facelo.
Así mesmo, segundo explican os socialistas, as reunións que veu realizando o propio Concello polas parroquias de Piñor, chegaron a determinados lugares cando xa transcorrera un mes dende a exposición pública, “quedando, tan só, un mes máis para que a xente puidese estudar ben a documentación e presentar alegacións”, aclaran. Vendo que o prazo fixado é insuficiente para tratar unha información tan importante e complexa, que afecta sobremaneira á vida dos veciños, o PSOE de Piñor determinou solicitar ao alcalde do PP que ampliase o prazo. Os socialistas procederon a solicitar esta ampliación por escrito, toda vez que xa o solicitaran no pleno ordinario do Concello.
Ademais, Fraga Civeira sinala que Piñor ten unha porcentaxe elevada de poboación emigrada que acostuma a retornar ó Concello durante os meses de verán, polo que sería bo que se aumentase o prazo para que esas persoas con propiedades poidan comprobar como quedarían segundo o novo plan de ordenación. Remata, engadindo, que “se de verdade o goberno de Piñor procura a transparencia e a participación pública de toda a veciñanza nos asuntos do Concello, debe procurar escoitar as reclamacións que se lle están a facer para que amplien o prazo de exposición e presentación de alegacións”.