As concelleiras socialistas Juana Ageitos e Concepción García e os representantes do PSOE no Congreso e no Senado, Rocío de Frutos e Luis García Mañá veñen de reivindicar a inversión de 2.000.000 euros para a Reparación e Remodelación desta Praza de Abastos no barrio de A Ponte que foi executada, segundo explicaron, “grazas ao Protocolo e posterior Convenio asinado no seu día polo Goberno do PSOE co Ministerio de Fomento no ano 2010, e que nestes momentos se atopa no aire, ante a desidia e desgoberno do PP”. Acusan aos populares de que “non creen neste proxecto”.
Destacaron, ademais, que o alcalde, Jesús Vázquez, o pasado 9 de xullo de 2015 manifestaba xa que habería que esperar bastante para ver o funcionamento da nova praza, xa que tiña que tomarse o tempo suficiente para analizar que modelo de xestión desexaba para o espazo comercial deseñado na planta baixa do inmoble. Nunha reunión cos veciños e comerciantes da zona avanzaba que podería dárselle outro uso distinto ao previamente establecido ademais de poñer en dúbida a súa rentabilidade ante a suposta falta de inversores.
Despois de analizar o modelo de xestión desexado e reformular o proxecto, “resulta que os populares presentaron un prego idéntico ao redactado polo PSOE no ano 2015, con variacións significativas en termos económicos co fin de tratar de xustificar un novo traballo de redacción que non existiu, xa que en esencia o prego redactado polos socialistas e o presentado son idénticos”, reclaman.
“En definitiva, o alcalde enganou á oposición e á cidadanía, e demorou 9 meses a súa aprobación sen importarlle que a Praza de Abastos da Ponte seguira pechada e ocasionando graves prexuízos económicos a comerciantes, hostaleiros e veciños do barrio”, insisten. As modificacións económicas realizadas fixeron que, como nun principio aventuraba o alcalde, o concurso quedara deserto por resultar “inviable e pouco apetecible para calquera empresa que eventualmente si puidera estar interesada, primando nun 80 % a oferta económica e apostando só nun 10% polo modelo de xestión”, detallan dende o PSOE.
Nestes momentos, aseguran descoñecer “os plans reais do alcalde e os seu goberno para a apertura da praza, e solicitamos que inmediatamente se nos informe dos mesmos”, ademais de urxir unha solución inminente consensuada co fin de desbloquear esta situación que conleva para todos “un gran prexuízo económico para a cidade”.