A Comisión de seguimento das obras da Praza de Abastos nº1 da cidade reuníase este luns, segundo Ourense en Común, sen que a concelleira de Comercio do Partido Popular aportase documentación algunha para que os grupos da oposición poidan comezar a análise da situación dos traballos por acometer nesta dotación municipal.
O fin desta comisión, solicitada polo PSOE e respaldada por Ourense en Común, é a de fiscalizar e supervisar as obras de reforma da Praza de Abastos de As Burgas, para garantir a correcta execución dos traballos.
“Ana F. Morenza presentábase na comisión sen o expediente nin documento algún referido á resolución definitiva do proxecto, á solicitude de prórroga e o informe que a ampara, ou á resolución da citada prórroga polo Ministerio de Fomento”, explican dende OUeC. E ante a demanda da oposición de que lle fosen facilitados os documentos, instou aos grupos a cursar a solicitude por escrito, “ralentizando o proceso de fiscalización que a comisión ten como obxectivo”, reclaman.
“A actitude da concelleira pon novamente de manifesto o permanente bloqueo e a falta de información que caracteriza ao goberno municipal do PP”, insisten, polo que os grupos da oposición demandaron que constara en acta a petición de documentación, evitando cursar novas instancias.
De demorarse o proceso de reforma da Praza de Abastos, poderían chegar a perderse as subvencións que a través do 1,5% cultural de Fomento tén concedidas o Concello de Ourense para rehabilitar este equipamento.
A comisión reunirase novamente o próximo 19 de maio.