Entre o 4 e o 12 de maio terá lugar  o Ciclo «Creencias y Mitología» no Salón de Actos da Casa da Cultura de Verín. Así o confirmaron este martes a concelleira de Cultura, Emilia Somoza, e o responsable da Biblioteca Pública Municipal de Verín, Vicente Rodríguez Justo, na casa consistorial.

Devandita iniciativa, organizada pola Biblioteca Municipal do Concello de Verín, estará composta por catro sesións. A primeira delas terá lugar o mércores 4 de maio, «O libro de San Ciprian»o. Félix Castro Vicente, antropólogo e músico abordará, dun xeito divulgativo, a figura de San Cipriano de Antioquía, Santo Mártir do século III D.C, e da súa vinculación con prácticas máxicas relixiosas en toda Europa, fundamentalmente a “Oración de San Cipriano”. O relator realizará un breve percorrido polas diversas  versións encontradas da Oración e do Libro, a súa vinculación en Galiza coa busca de tesouros, e concretamente cos localizados na provincia de Ourense e na contorna de Verín.

O xoves 5 de maio realizarase un visionado do documental «Sapos e Bruxas», de Luís Pedreira. Trátase dun traballo audiovisual no que se explica porque, e de que forma, xurdiu en Montalegre o fenómeno do venres 13, a través de varias recreacións de historias e lendas de Barroso, do testemuño dalgúns dos principais intervenientesno evento, e da man doutros coñecedores da cultura galaico-transmontana. O finalizar o visionado haberá una Charla-coloquio moderada por José R. Cruz.

O mércores 11 de maio, Miguel Losada Pérez levará ao público cara a unha parte pouco transitada do seu imaxinario colectivo coa conferencia «El mundo de la muerte, las almas y los difuntos». Losada versará, a través de catro exemplos, sobre o caso da cultura galega, que pariu mitos, ritos e deuses dun xeito tan competente como pouco divulgado.

Por último, a conferencia «Crenzas antigas e mitoloxía no norte peninsular», o xoves 12 de maio, pechará o ciclo temático. Toti Martínez de Lezea, escritora, tradutora, guionista, columnista e presentadora, achegará aos asistentes algunhas das antigas prácticas e crenzas do norte peninsular que chegaron ata os nosos días, como os ritos dos solsticios de verán e inverno, os entroidos, os cardos solares protectores dos fogares contra os malos espíritos, ou as mencións á Dama Mari, última reminiscencia europea dunha Deusa Nai.

 

Todos os actos programados no ciclo  Creencias antiguas y Mitología terán lugar no Salón de Actos da Casa da Cultura de Verín (Rúa Irmáns da Salle)  ás 19:30 horas.