A Consellería de Infraestruturas comezou a executar obras de posta en valor da Ponte Vella de Ourense. O alcalde, Jesús Vázquez, sinalou na visita ao inicio destes traballos que «non supoñen un simple lavado de cara. A primeira fase vai centrarse no pavimento e na iluminación: novas tecnoloxías para unha infraestrutura que leva en pé máis de 2.000 anos. A maiores do máis vistoso, a ponte verase reforzada na súa estrutura, caso dos piares e dos arcos, así coma en toda a contorna” .
Estas tarefas suporán un investimento por parte da Consellería de Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) duns 300.000 euros e contan cun prazo de execución de tres meses, polo que estarán finalizados este verán.
Jesús Vázquez, que estivo acompañado pola conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez; a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz; o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Oitavén; destacou que “as miñas palabras de hoxe só poden ser de agradecemento para o departamento dirixido por Ethel Vázquez, que é o encargado de realizar esta primeira fase cun investimento moi importante (300.000 euros). Pero o agradecemento non é só pola achega económica, tamén pola sensibilidade que demostran ao apoiar un dos nosos símbolos. Quero que estas palabras vaian tamén dirixidas a Jesús Oitavén, secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, obviamente nos mesmos termos”.
O cambio da iluminación actual será a acción máis destacada desta fase inicial dos traballos, xa que servirá para realzar a monumentalidade da estrutura da ponte, posto que se optará por medios de iluminación con leds de máxima tecnoloxía, un sistema que permitirá aforros no consumo enerxético e contribuirá a reducir a contaminación lumínica, ao eliminar os grandes focos que proxectan a luz cara os lados da ponte.
Na calzada, procederase á reparación da vía, igualando o pavimento e empregando como único material o bloque de pedra e substituirase a capa de formigón dos apartadoiros e pavimentarase o único treito en terra existente.
Como medidas complementarias, eliminaranse os graffitis pintados na infraestrutura e nas edificacións anexas, ademais retirarase o mobiliario urbano e outros elementos engadidos á fábrica da ponte.
Segundo sinalou a conselleira Ethel Vázquez, a segunda fase das obras consistirá nunha actuación no contorno da Capela dos Remedios, e en total, o investimento do Galego nesta infraestrutura chegará ao millón de euros.