A deputada socialista Noela Blanco presentou unha serie de iniciativas para que a Xunta despexe todas as dúbidas diante de calquera posible relación co ex banqueiro Mario Conde, detido por repatriar diñeiro supostamente substraído de Banesto. A deputada socialista lembra que a antiga reitoral de Chaguazoso propiedade de Conde, foi primeiro alugada e logo comprada á familia política de Baltar.
A deputada socialista sinala que o inmoble foi rehabilitado con cargo a fondos comunitarios por parte do ex alcalde popular da Mezquita, Gabriel Caldelas, con 490.000 euros procedentes do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural, que obrigaba á súa utilización no turismo rural durante 15 anos.
O pazo foi primeiro alugado e a continuación comprado en 2009 por Mario Conde, antes de que expirara o dito prazo de 15 anos, unha etapa na que o inmoble era anunciado en Turgalicia pero “as reservas eran materialmente imposibles, ninguén atendía aos teléfonos que aparecían na web, e os epígrafes sobre prezo e dispoñibilidade quedaran en branco”, e finalmente era retirado en 2014, pouco antes de que expirara o prazo.
Noela Blanco sinala que o goberno de Feijóo “debe aclarar se houbo algunha cooperación pola súa parte para que este persoeiro ocultara responsabilidades polos delitos que lle imputa a Audiencia Nacional”.