O grupo municipal socialista presentará no pleno do 6 de maio unha moción para que se remodele con carácter urxente o parque do Peco da Ponte. En maio de 22006 inaugurábase esta zona verde de 9.000 metros cadrados, cun mirador nas traseiras da urbanización San Rosendo e con zonas de xogo infantís e populares, paseos e áreas habilitadas para cans e gatos. O investimento para crear este espazo fora de 180.000 euros.
Denuncian os socialistas que a situación a día de hoxe do parque «pasados xa case 10 anos dende a súa inauguración, dista moito da que debería ter unha das zonas verdes máis importantes da cidade, e vén provocando de xeito reiterado o malestar veciñal e a falta de aproveitamento dunha zona de lecer que actualmente se atopa obsoleta, con falta de mantemento e uso, e que fai preciso o deseño dunha serie de actuacións urxentes co fin de dar resposta ás carencias da zona».
O PSdeG consideran fundamental a execución dunha serie de actuacións como son a substitución dos areeiros dos parques infantís por caucho dacordo coa normativa, a reparación do peche de protección, das canastras e o repintado da pista de baloncesto, a substitución e reparación do valado, a mellora dos camiños habilitados para paseo, a optimización da sinalización e dotación de xogos para os parques de cans e gatos, a reparación de papeleiras e outro mobiliario público situado na zona, a instalación de xogos adaptados a cativos con mobilidade reducida, a limpeza, o uso efectivo e coidado da caseta destinada aos traballadores municipais, entre outras.
Nesta liña, o grupo socialista instará na súa moción ao Goberno local para que proceda á execución urxente destas actuacións no parque do Peco «co fin de recuperar unha zona verde que actualmente se atopa nun estado lamentable».