Este domingo á tarde tivo lugar a entrega de premios da Cata Popular desta 53ª edición da Feira do Viño do Ribeiro, ao que asistiron o presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Felicísimo Pereira Freijido, o alcalde do Concello de Ribadavia, Ignacio Gómez López, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e outras autoridades.
Na categoría de Viños Brancos de Adegas resultou galardoado como mellor viño Priorato de Razamonde 2.015, de Viña da Cal. Pola súa banda, na categoría Viños Brancos de Colleiteiros, levou o primeiro premio Cuñas Davia 2.015 de Adegas Valdavia, o viño Pazos de Albor 2.015 de Mónica Albor López recibiu o segundo premio e o terceiro premio recaeu no viño Sameirás 2.015 de Antonio Cajide Gulín. Por último, na categoría de Viños Tintos o primeiro premio foi para Viña do Campo 2.014 de Bodegas Docampo, o segundo premio recaeu en Cuñas Davia 2.014 de Adegas Valdavia e o terceiro premio foi para Joaquín Vázquez 2.015 de Joaquín Vázquez Martínez.
En canto aos premios, o presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Felicísimo Pereira, engadía “recoñecémolos de suma importancia, pois é o público o os que os outorga. O consumidor recoñece e traslada nestes premios as súas preferencias e gustos, polo que non cabe máis que salientar o seu valor”.
Por outra banda, recoñeceuse como Mellor Catador de Viños Tintos a Noemí Penela de Castrelo de Miño, na categoría de Mellor Catador de Viños Brancos de Colleiteiro premiouse a Marcos Gutiérrez, veciño de Vigo e como Mellor Catador de Viños Brancos de Adega o galardonado foi Roberto Taibo, de Ribadavia. Estes premios outórganse ás persoas que máis se acheguen aos resultados finais dos viños premiados en cada unha das categorías.
Na súa intervención, Felicísimo Pereira quixo resaltar o gran potencial dos viños da colleita 2.015 indicando que “o traballo que se está a desenvolver na nosa Denominación de Orixe está a obter os seus froitos”, polo que quixo ademais felicitar “ás adegas, colleiteiros e viticultores do Ribeiro” e convidalos a que continúen nesa liña de traballo, primando a calidade nos seus viños.
O alcalde de Ribadavia, Ignacio Gómez, sumouse ás felicitacións para adegueiros e colleiteiros, e agradeceu a participación de todos aqueles que se implicaron nesta 53ª Feira do Viño do Ribeiro. Unha edición que chegou ao seu remate cun grande éxito en canto á participación tanto das adegas coma do público. Os datos reflicten un importante respaldo a esta nova liña de organización da Feira, onde a calidade e a innovación se mesturan coa tradición e a cultura do viño. Dende o Concello apostouse por seguir traballando na mellora e na oferta de propostas que atraian ao público e que estean á altura do que o viño do Ribeiro é merecedor.