Tanto PSOE como Ourense en Común veñen de presentar en rexistro algunhas das mocións que se debaterán no pleno deste mes de maio. Linorsa, as Festas da Ponte e os herbicidas tóxicos estarán entre os asuntos a tratar.
Linorsa
No próximo pleno os socialistas tamén queren tratar co grupo de goberno o problema de Linorsa, que acumula retrasos no salario das traballadoras de limpeza dos centros escolares correspondentes ao municipio dende decembro. Por iso, os socialistas xa levaran a debate no mes de marzo este tema, instando daquela a Jesús Vázquez a que concretase unha reunión co director da empresa para desbloquear a situación; que o Concello iniciase un proceso de inspección do cumprimento por parte de Linorsa do contrato asinado; e que axilizase o procedemento de contratación de limpeza posto que o actual contrato finaliza o 30 de xuño.
Ante a situación actual, dende o PSOE esixirán na próxima sesión plenaria que o Goberno Municipal “tramite de urxencia a cesión do contrato con Linorsa, mentras non sae o procedemento de contratación do novo concurso”.
Festas da Ponte 2016
Así mesmo, o PSOE súmase ás demandas dos veciños do Barrio da Ponte e do Barrio do Vinteún en relación tanto á celebración das Festas Patronais do Santiago como á recuperación da tradición da Feira do 21 en dito barrio; e dará traslado delas no vindeiro pleno municipal, co fin de que o Goberno Municipal tome as medidas oportunas para manter a colaboración económica para a celebración das Festas da Ponte no mes de xullo e para que apoie a petición de recuperar unha tradición senlleira como é a Feira do barrio do Vinteún.
A proposta veciñal contempla a existencia dun parque entre a Rúa Madre Soledad de la Cruz e a Rúa Río Xares e Avda. De Santiago con todas as dotacións suficientes e a infraestrutura adecuada para a organización dunha feira que poida acadar sendo un referente e que logre de novo recuperar a tradición, e ademais propoñen como posible data para o inicio da mesma o vindeiro 21 de maio.
Contra os herbicidas tóxicos
Ourense en Común presentou por rexistro unha nova moción para que sexa debatida e votada no próximo pleno ordinario municipal do venres.
O grupo busca erradicar o uso na cidade de glifosato e outros herbicidas tamén tóxicos e apelará ao goberno a atopar alternativas orgánicas máis axeitadas e respectuosas coa saúde humana e co ambiente, substituindo eses produtos por métodos alternativos non contaminantes.
O glifosato ou glisofato, un herbicida total non selectivo que se usa para matar herbas e arbustos, infíltrase no chan, é moi soluble na auga e persiste no medio ambiente, contaminando acuíferos e espallando a toxicidade á fauna acuática e o gando, incidindo tamén na morte masiva de abellas en todo o mundo.
O glifosato foi declarado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) como probable canceríxeno para o ser humano, por iso dende Ourense en Común suxiren que “o Concello comece unha transición cara a unha xardinería ecolóxica, mantida publicamente con calidade e sostibilidade, evitando o uso de pesticidas”, e propón que se desenvolvan campañas de sensibilización e sesións informativas dirixidas a propietarios de xardíns privados, profesionais de viveiros e xestores de outras administracións, e que se fagan os estudos clínicos necesarios sobre a saúde dos traballadores e traballadoras de parques e xardíns para valorar os efectos tóxicos sobre seus organismos.