A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio investirá máis de 164.000 euros na humanización e acondicionamento da praza do Campo da Feira no concello ourensán de Cortegada. Así se recolle no convenio que asinaron a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, e o alcalde da localidade, Avelino Luis de Francisco.
Actualmente, a cota da praza presenta dúas alturas, o que limita a súa accesibilidade. Trala remodelación, a nova praza poderá albergar tanto distintas feiras e exposicións como espectáculos públicos, ademais de poder ser usada como recinto deportivo. Ademais, a proximidade ao centro de saúde do municipio e a súa nova configuración serviría como infraestrutura para acceso de urxencias sanitarias.
Para conseguilo, as obras contemplarán, entre outros aspectos, a demolición de muros, escaleiras e pavimento da praza; levantado de pavimento asfáltico da vía de tráfico rodado; colocación de peches e varandas; drenaxe do terreo; construción de soleira de formigón armado; realización de pavimento continuo de cuarzo gris; sinalización horizontal de zona de xogo (fútbol sala, balonmán e baloncesto); instalación de alumeado público; nivelación das cotas dos viarios peonís e de tráfico rodado; dotación de acabados para o seu uso como pista deportiva: pavimento, sinalización horizontal, novas luminarias.
Esta actuación inscríbese no Plan hurbe, posto en marcha pola Xunta en 2010. En concreto, esta é a segunda actuación que se realiza en Cortegada ao abeiro deste Plan, logo de que o pasado ano se investiran uns 21.000 euros nas obras de reparación e acondicionamento de xardín público de Baño do monte.