O acto celebrouse este martes no Salón de Plenos da Deputación de Ourense, coincidindo co Día Internacional da Liberdade de Prensa.

Santiago Jaureguízar recibe o XXVI Premio de Periodismo “Xosé Aurelio Carracedo”

O xornalista Santiago Jaureguízar recibiu este 3 de maio de mans do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o XXVI Premio de Periodismo “Xosé Aurelio Carracedo”, na súa edición 2016, dotado con 3.000 euros e diploma, un certame instaurado pola institución provincial como homenaxe e lembranza do xornalista ourensán que lle da o seu nome, falecido en 1988, e en defensa dun xornalismo de calidade.

O xurado do certame concedeu o galardón a Jaureguízar polo artigo publicado no xornal “El Progreso” de Lugo, titulado «Os amigos do cadáver de Blanco Amor».

Na clausura do acto, Manuel Baltar afirmou que hoxe “celébrase o Día Mundial da Liberdade de Prensa, efemérides que vimos conmemorando desde 1993, e que este ano fai referencia á cidade de Helsinki, tendo como lema a participación cidadá, a transparencia e o acceso á información, cuestións fundamentais que corresponde poñer en valor, e que, con este premio, desde a Deputación de Ourense, destacamos, como tamén unha aposta importante polo xornalismo de calidade”, afirmou o presidente provincial.

En referencia ao artigo premiado, «Os amigos do cadáver de Blanco Amor», o presidente da Deputación afirmou que nel se deixa claro “ese paradoxal recollido na Boneca de Blanco Amor, onde Maria Xosé Queizán dicía que ver levar a ombreiros o cadaleito de Eduardo Blanco Amor por xente que días antes, cando pasaba pola rúa, nin o saudaba é unha cuestión que non ten xustificación algunha, pois todo o que fagamos por Blanco Amor será pouco, xa que temos a obriga de seguir poñendo en valor a obra dun dos máis grandes da literatura galega”.

Santiago Jaureguizar agradeceu ao xurado por escoller o seu artigo para este premio “un dos máis importantes que se conceden no país en prensa”. O xornalista explicou que no seu artigo fala “das relacións entre os intelectuais e os políticos a través da figura de Blanco Amor, despois de ler unha entrevista coa escritora María Xosé Queizán que era amiga del e contaba o que lle sucedeu a Blanco Amor cando morreu”.

Na acta do xurado, á que deu lectura Fernando R. Méndez, destácase do artigo de Jaureguízar “a calidade xornalística, o sentido crítico e o feito de actualizar, por medio dunha personaxe histórica da literatura galega como é Blanco Amor, a crítica á situación social que vivimos nestes momentos. Asemade o xurado considera que se trata dun artigo “moi ben estruturado e orixinal, unha proposta excelente polo seu enfoque”.

Santiago Jaureguizar é redactor de Cultura do diario El Progreso de Lugo dende 1993. Coordina o suplemento cultural Táboa Redonda. Como xornalista foi galardoado cos premios «Manuel Reimóndez» e «Museo Provincial de Lugo». Como narrador foi recoñecido cos galardóns «Lueiro Rey», «Xerais», «García Barros», «Terra de Melide» e «Caixa Galicia de Literatura Infantil e Xuvenil».