No pleno de novembro de 2014 e tras unha folga das traballadoras da empresa concesionaria da limpeza dos centros escolares, Linorsa, o BNG levaba a debate a esixencia ao goberno do PsdG-PSOE de sancionar a dita empresa, impedir a prórroga do contrato e incluír nas novas contratacións cláusulas que faculten ao Concello de Ourense a rescisión do contrato por impago de nóminas ás traballadoras. No debate de aquel pleno o BNG defendeu solucións e medidas de urxencia, expresando no debate a necesidade de avaliar a posibilidade de recuperar este servizo para a súa xestión directa por parte do Concello.
A situación da empresa e das traballadoras continou empeorando como xa se apuntaba naquel debate mesmo por parte do Partido Popular hoxe no goberno, ata a actual situación cun concurso de acredoras e as nóminas de 4 meses sen pagar ás traballadoras de Ourense, mentres o alcalde Jesús Vázquez repite o mesmo que decía Agustín Fernández daquela: “estamos buscando solucións”, “estamos vendo que facer”, sen explicar, nen ás traballadoras nen ás veciñas que pasos se estan dando e que tipo de solucións se procura.
Ximena González, membro do Consello Local, explicou que no BNG “defendemos a necesidade de avaliar as posibilidades de recuperación dos servizos municipais para a súa xestión directa por parte do Concello de Ourense pois non só se melloran os servizos e protección dos traballadores, motivo principal da defensa da xestión pública, senón que se abarata o servizo eliminando da ecuación o marxe de beneficio empresarial.”
Ante esta situación as nacionalistas anunciaron o rexistro dun escrito dirixido aos catro grupos municipais do Concello de Ourense para introducir no debate en pleno do venres 6 de maio, mediante emenda ou moción de urxencia, un novo punto nos acordos no que se pida solicitar aos servizos municipais un informe xurírido e económico sobre a recuperación do servizo de limpeza de colexios e edificios públicos para que sexa xestionado de forma directa polo Concello de Ourense para avanzar nunha solución definitiva e deixar de pór parches aos problemas.