O Sindicato Labrego Galego e a COAG, co apoio do Ministerio de Agricultura a través da Fundación Biodiversidade, organizan unha xornada formativa en Castrelo de Miño sobre a influencia do cambio climático no cultivo do viñedo. Será este venres, 6 de maio, a partir das 16:00 horas no salón de actos do concello, e o encargado de impartila será o responsábel técnico de COAG e investigador do CEIGRAM1, Pablo Resco.
Nesta xornada, Resco analizará a incidencia do cambio climático no viñedo galego en relación a parámetros que -como a pluviosidade, o aumento das temperaturas ou a menor incidencia das xeadas- son determinantes para os rendementos e maduración da viña.
Segundo o informe da COAG “Cambio climático e viñedo no Estado Español”, as denominacións de orixe galegas estarían entre as que precisarán unha menor intervención polo cambio climático, que mesmo pode ter efectos positivos, xa que o aumento das temperaturas reduce as limitacións térmicas para que madure un maior número de variedades de uva, especialmente tintas.
Así e todo, o informe advirte que “isto sería especialmente favorable se non se superan os límites das variedades que se cultivan actualmente, como podería acontecer nunha das denominacións de orixe máis cálidas do norte peninsular como é a do Ribeiro”.
Noutras denominacións de orixe costeiras con contrastes térmicos máis suaves, como Rías Baixas, co aumento do período activo da vide polo quecemento do clima “poden xurdir algúns problemas coas temperaturas nocturnas, mesmo nos mellores escenarios, e é aí onde asnecesidades de intervención deberían ser máis altas. Estas temperaturas poderían sobrepasar certos niveis e, polo tanto, afectar á calidade dos viños”.
En liñas xerais, o estudo de COAG afirma que o aumento das temperaturas medias pode ocasionar un alongamento do ciclo vital activo da planta e mesmo unha mellora de calidade na uva naquelas zonas onde fose habitual unha alta acidez por falta de maduración; aínda que unhas temperaturas excesivamente altas na época en que maduran os acios tamén poden ter efectos negativos na calidade ao ocasionar un exceso de madurez e azucre na uva. Outros efectos positivos, como o descenso no número e intensidade das xeadas, teñen o seu lado negativo en aspectos como as perdas de calidade e rendemento por golpes de calor.
De todo isto, centrándose na idiosincrasia das nosas denominacións de orixe, falará Pablo Resco o venres nunha xornada formativa que estará aberta a todo o público que desexe asistir.