A formación lembra que o acordo acadado na anterior sesión especificaba que a comparecencia sería monográfica.

A orde do día do pleno ordinario de maio no Concello de Ourense ven cargada de contido, incluíndo 9 puntos, 14 subpuntos na parte resolutiva, e 3 máis na parte de información, impulso e control.

O último dos temas a tratar é a comparecencia do concelleiro José Araújo, acordada no pasado pleno. Porén, segundo denuncian dende Ourense en Común, “a forma de comparecer non respecta a parte central do acordo, que especificaba unha comparecencia monográfica».

O acordo, aprobado na sesión do 1 de abril por unanimidade de todos os grupos da oposición, falaba literalmente de «pedir ao alcalde de Ourense que o concelleiro de Infraestruturas e Medio Ambiente D. José Araujo Fernández, realice unha comparecencia plenaria pública, na que poida dar explicacións, aportando datos e documentación sobre o feito exposto nesta moción. A comparecencia será monográfica, estará convocada toda a corporación e será aberta ás preguntas que teñan a ben realizar calquera dos concelleiros e concelleiras da corporación municipal. A comparecencia realizarase no prazo máximo dun mes. De non dar as explicacións pertinentes o alcalde cesará de inmediato ao citado concelleiro D. José Araujo Fernández”.

En declaracións de Ledicia Piñeiro, «dende Ourense en Común cremos que o obxectivo é evitar a comparecencia real do señor Araujo, facendo un amago de comparecencia ao final dun pleno que pode durar facilmente 8 ou 9 horas. Esto é unha estafa aos acordos plenarios, á cidadanía que esixe explicacións sobre unha grave sospeita de nepotismo e mesmo á democracia».