O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, vén de reuirse co alcalde de Beariz, Manuel Prado López, dentro da súa rolda de contactos cos alcaldes galegos co obxectivo de mellorar a atención social e de servizos que reciben os cidadáns nos seus respectivos concellos a través da optimización dos recursos locais e autonómicos de ambas institucións.
Na xuntanza, que tivo lugar nas dependencias de San Caetano, conselleiro e alcalde acordaron continuar coa colaboración emprendida entre as dúas institucións que beneficia a todos os colectivos da sociedade. Deste xeito, ambos mandatarios lembraron a importancia da continuidade do Servizo de Axuda no Fogar a dependentes, que neste 2016 presta 2.868 horas de atención das que se benefician 60 veciños e veciñas da Mancomunidade de O Carballiño.
O conselleiro salientou do mesmo xeito, o aumento dun millón de euros ao ano no SAF acordado este mércores no Consello da Xunta ata acadar o 100% da atención das actuais persoas solicitantes deste servizo, un incremento de horas do que se verán beneficiados tamén os usuarios da Mancomunidade. En concreto, a Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social, achega preto de 55.000 euros para o desenvolvemento deste servizo no concello de Beariz. Ademais, ambos mandatarios repasaron a situación e o estado das infraestruturas sociais da comarca para maiores e infancia.