Por unanimidade aprobáronse as mocións para reducir o consumo enerxético no pavillón dos Remedios, para realizar actuacións de mellora no parque do Peco e para retirarlle a Franco a medalla de ouro da cidade.

Os grupos non se poñen de acordo sobre o futuro da Praza de Abastos da Ponte

Os grupos políticos da corporación ourensá non se puxeron de acordo no pleno ordinario de maio sobre o futuro da Praza de Abastos da Ponte. Democracia Ourensana propuña que o mercado fora de xestión pública e o Concello sacara a concurso os oito postos de maneira individual, pero tan só logrou o apoio de Ourense en Común (malia non aceptar a súa emenda para que os comerciantes opinaran sobre o modelo de xestión). PSOE e PP votaron en contra. A concelleira de Comercio Ana Fernández Morenza asumiu a responsabilidade polo fracaso das bases do concurso para a explotación do mercado, nas que se pedía un canon anual de 55.000 euros, e afirmou que se manterá o uso como praza de abastos do recinto, pois así estaba acordado co Goberno central.

Banda Municipal de Música

Tampouco prosperou a moción de Democracia Ourensana para solucionar a actual problemática da Banda Municipal de Música converténdoa nunha banda “amateur, que tenga una pequeña remuneración”. Nin PSdeG, nin OUeC nin PP compartiron o posicionamento do grupo de Gonzalo Jácome, e defenderon esta institución centenaria, aínda que desde OUeC Ledicia Piñeiro criticou “a xestión opaca e pouco transparante da banda”. A edil de Cultura, Belén Iglesias,  avanzou que a vindeira semana o prego para contratar os servizos da banda irá a Xunta de Goberno.

Benposta

Socialistas e “marea” non conseguiron ningún voto máis para aprobar a súa moción que pedía incluir os terreos de Benposta no Inventario Xeral do Patrimonio de Galicia. “Vai ser vergonzoso que teña que ser a cidadanía activas as que teñan que promover o inventario de Benposta dentro da Dirección Xeral de Patrimonio, e ao Concello non lle vai quedar máis opción de darlle acollida no patrimonio municipal”, opinou Martiño X.Vázquez. O voto en contra do PP explicouno o edil popular Jesús Cudeiro en que “no hay justificación técnica de ningún tipo que nos justifique en este momento el cambio de criterio que se adoptó en estos 32 años”.

Mocións aprobadas

En cambio, quedaron aprobadas por unanimidade a moción de DO para reducir o consumo enerxético no pavillón dos Remedios cambiando a canalización que leva á instalación auga quente das Burgas. Tamén a proposta socialista para executar de maneira urxente actuacións para mellorar o estado do parque do Peco na Ponte. E igualmente houbo unanimidade na moción conxunta do PSdeG e OUeC para retirarlle a medalla de ouro a Francisco Franco. O acordo non evitou que se producira un tenso debate por momentos, ante as alusións de Ledicia Piñeiro a Manuel Fraga. Os populares replicaron que se querían retirarlle recoñecementos honoríficos a alguén máis (como pedía o segundo punto da moción) “póñanlle nome e apelidos”.

Ante a petición do comité de empresa de Linorsa, o voceiro socialista José Ángel Vázquez Barquero acordou retirar da orde do día a súa moción que reclamaba a cesión do contrato a outra empresa.

Non prosperou de Ourense en Común para declarar Ourense como municipio oposto ao Tratado de Libre Comercio, pero si –cos votos a favor tamén de PP e PSOE e a abstención de DO- a súa moción para eliminar o uso do glisofato e outros herbicidas na cidade.

Non se debateu a moción de urxencia que plantexaba DO para pedir a dimisión do alcalde por non cumprir os seus compromisos sobre a presentación do proxecto de estación intermodal por Fomento. PP votou en contra da urxencia, e PSdeG e OUeC abstivéronse, polo que os 8 votos de DO non foron suficientes.

Cara ao remate da sesión, o concelleiro de Medio Ambiente Pepe Araújo deu explicacións sobre un posible caso de nepotismo na concesionaria da recollida do lixo, respondendo ás preguntas da oposición.

Foi este o pleno no que Isabel Rebanales, Democracia Ourensana, presentaba a súa renuncia como concelleira.

Nesta sesión, ademais, aprobouse o expediente de honras a favor de Estanislao Reverter –coa abstención de Democracia Ourensana. O expediente recibiu 1.132 mostras de apoio e implicará a realización dun acto público e a colocación dunha praca ao carón da escultura dedicada a Reverter, onda a Subdelegación do Goberno.

Tamén se lle deu o visto bo á creación da Mesa Local do Voluntariado.