A Ruta do Viño Monterrei, promovida por Turismo de Galicia, organizará os días 28 e 29 de maio as V Xornadas de Portas Abertas, coa colaboración do CRDO Monterrei, a Asociación de Sendeirismo Ruta das Augas, o Club BTT Verín e o Concello de Verín.
Nas mesmas participarán cinco adegas desta denominación de orixe que ofertarán visitas guiadas polas súas instalacións acompañadas dunha degustación de viño de Monterrei totalmente gratuíta. As adegas participantes na iniciativa son: Abeledos, Boo Rivero, Crego e Monaguillo, Gargalo e Pazo de Valdeconde. Nelas o horario de visita será o sábado de 11.30, 13 e 17 horas e o domingo ás 12 horas.
Tamén formarán parte desta xornada restaurantes asociados á ruta (Brasil, Mesón O Candil, Parador de Verín-Monterrei e Lugano), que ofrecerán un menú especial regado con viños da DO Monterrei cun prezo que oscila entre os 18 e 30 euros. Ademais, realizaranse ofertas especiais nos establecementos: O Retiro do Conde e Parador de Verín-Monterrei. As reservas xestiónanse directamente cos establecementos, especificando que se trata da oferta de Xornadas de Portas Abertas.
As quintas Xornadas de Portas Abertas da Ruta do Viño de Monterre tamén inclúen o obradoiro «Harmonía de Viños de Monterrei e Queixos do Mundo», actividade gratuíta na que se probarán recoñecidos queixos de todo o mundo coas distintas elaboracións do viño de Monterrei. Será o sábado 28, ás 18 horas na adega Crego e Monaguillo, e requírese inscrición previa no CRDO Monterrei.
Asemade, haberá catas comentadas nas adegas, o sábado en Boo Rivero e o domingo en Gargalo, en ambos casos ás 11:30 horas e con inscrición previa para os participantes.
De maneira paralela, o Centro Cultural das Artes de Verín acollerá unha exposición gratuíta de artes plásticas relacionada cos produtos da zona e realizada por artistas locais da comarca. Poderase visitar o sábado 28, de 10 a 14 e de 17 a 20.30 horas. O mesmo recinto será o escenario do concerto «Son e Viño» de Emilio Rúa, tamén na xornada do sábado, a partir das 21 horas.
Andaina e ruta
Completan o programa unha ruta cicloturística polo val do Támega, con saída o domingo 29 de maio ás 10 horas desde Verín, ascenso ao monte Ladairo e visita a varias adegas. Requírese inscrición previa no Club BTT Verín. Nesa mesma xornada e á mesa hora, partirá a andaina III Ruta dos viños, con saída do praza do Concello de Verín e visita a outras dúas adegas. Organizada pola Asociación de Sendeirismo «Ruta das Augas» tamén require inscrición previa.
Ademais, haberá un concurso no Facebook da Ruta do Viño de Monterrei, no que se sortearán catro billetes para o tren turístico da Ruta do Viño Monterrei.
Para facilitar a asistencia (e non ter que coller o coche), un Bus do Viño realizará un servizo gratuíto tanto o sábado como o domingo con saídas de Xinzo e Verín e destino nas adegas que realizan as catas comentadas.