Sustinea levará a cabo unha repoboación con carballos en Palmés, unha zona que o verán pasado sufriu un devastador incendio forestal.
Este mércores 11 de maio ás 16 horas terá lugar a reforestación participativa que porá broche final á campaña ”Unha foto de inverno, unha sombra no verán”. Os participantes trasladaranse ata a parroquia ourensá de Palmés onde o ano pasado arderon máis de 200 hectáreas nun incendio forestal; alí plantarán 165 árbores que corresponden ás 165 fotos de paisaxes de natureza que se compartiron no Facebook de Sustinea.
A campaña tiña como obxectivo principal a rexeneración dun dos montes queimados en Ourense. Para conseguilo empregaron un proceso de participación nas redes sociais e comprometéronse a plantar 1 árbore autóctona por cada fotografía de natureza de inverno que subiron os seguidores de Sustinea ao seu Facebook.
Para este proxecto recolectáronse as sementes das árbores autóctonas coa colaboración de persoas reclusas do Centro Penitenciario Pereiro de Aguiar e a Asociación para a Prevención da Exclusión Social (APES), mediante o voluntariado ambiental que se levou a cabo durante o pasado outono.
Sustinea é unha entidade non lucrativa que traballa na conservación da natureza, divulgación e sensibilización, e deseño de proxectos de desenvolvemento.