O Parlamento de Galicia aprobou unha proposición non de lei, coa abstención tanto do BNG como de AGE, a través da que se solicita ao Ministerio de Fomento a que continúe impulsando a construción da autovía A-76 entre Ourense e Ponferrada, mantendo o esforzo investidor e traballando para facer realidade esta infraestrutura de modo compatible coa protección do medio ambiente e coa declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade.
O deputado popular Moisés Blanco salientou que “a A-76, xunto coas bondades do botelo e o recoñecemento do Camiño de Inverno, é outro dos asuntos que suscitan unanimidade na comarca de Valdeorras tanto no ámbito político, como no social, nos concellos de diferente signo político, entidades e veciños en xeral”.
A N-120, superada
“A autovía A-76 é unha actuación máis que necesaria desde o punto de vista socioeconómico, e tamén para a vertebración da Galicia interior ao comunicar Valdeorras, Monforte e Ourense, e mesmo coa cidade de Ponferrada e a comarca do Bierzo, constituíndo un terceiro acceso de gran capacidade desde Galicia cara Castela e León, unha vez que a N-120 está superada, sobre todo en determinados tramos complicados, con moitas dificultades para realizar adiantamentos e soportando un tráfico pesado moi importante”, sinalou.
Moisés Blanco explicou que neste momento existen dous treitos con proxecto de redacción e un terceiro en fase de licitación: Vilamartín de la Abadía-Requejo, cun orzamento de 35,26 millóns de euros; A Veiga de Cascallá-O Barco, por un importe de 26,35 millóns de euros; e Requejo-A Veiga de Cascallá, cun custo de 223 millóns de euros. Para o segundo dos subtreitos entre O Barco de Valdeorras-Monforte, os orzamentos do Estado para 2016 contemplan a licitación do proxecto da variante de Monforte