A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de licitar as obras de reparación das humidades de Santa Comba de Bande, en Ourense, por un importe de 66.300 euros e cun prazo máximo de execución de tres meses. O obxectivo desta actuación é frear o deterioro do considerado o templo cristiá máis antigo de Galicia que, ademais, está declarado Ben de Interese Cultural.
Os traballos consistirán na substitución da antiga drenaxe perimetral por unha nova, cun rexuntado das cimentacións con morteiro de cal, repaso das cubertas e execución de novos aleiros que eviten a entrada de auga pola cabeza dos muros e garantan a ventilación do espazo entre a cuberta e as bóvedas, e no repaso do rexuntado das fábricas de sillería das fachadas con morteiro tradicional de cal. Ademais, colocaranse novas fiestras con ventilación permanente e restauraranse as portas existentes.
A Consellería fixo en 2015 unhas catas no drenaxe existente comprobándose o deficiente estado do rexuntado das fábricas soterradas, o que podería estar a provocar filtracións de auga pola cimentación. Polo tanto, o obxectivo da intervención é resolver os problemas relacionados co exceso de humidade no edificio que é a principal causa do seu deterioro, especialmente un curso de auga de escorrenta dos predios contiguos, e cuxo paso polo adro se evacuará.
Arquitectura hispanovisigoda
A igrexa de San Trocado ou Santa Comba de Bande é probablemente o edificio visigótico mais completo da nosa comunidade e un dos mellores exemplos de arquitectura hispanovisigoda da Península Ibérica. A construción orixinal está datada a finais do século VII sufrindo diferentes transformacións ata o século IX para adaptarse ás diversas necesidades funcionais como puideron ser a de albergue ou mosteiro.