O Parlamento de Galicia aprobou, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a realizar unha avaliación da situación na comarca da Limia derivada das precipitacións acumuladas durante a presente primavera, así como o seu impacto en forma de posibles perdas na actividade agraria, singularmente na produción de cereal e pataca.
A deputada do BNG, Tereixa Paz defendera unha proposición non de lei para avaliar os danos ocasionados polas choivas que provocaron grandes perdas na actividade agraria e abrir unha liña de axudas. A portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, Isabel García Pacín, salientou a unanimidade final acadada nesta iniciativa en base á emenda realizada polo PP, “máis ambiciosa que a propia iniciativa inicial do BNG porque concreta cuestións como a necesidade de realizar un estudo de avaliación da situación que constate as explotacións existentes na zona afectada, o nivel de aseguramento das mesmas en canto aos cultivos afectados polas precipitacións, os danos producidos nos mesmos e que non están cubertos polas pólizas, e se estude a forma de establecer unha liña de axudas segundo a lexislación vixente”.
Minoración fiscal
O acordo recolle a solicitude ao Ministerio de Agricultura da minoración na presión fiscal para os agricultores dos concellos afectados, mediante a redución dos índices do rendemento neto no réxime de estimación obxectiva do IRF para o período impositivo 2016, aplicables ás actividades agrarias que se comprobe que sufriran fortes descensos nos seus rendementos por estas causas extraordinarias.
García Pacín explicou que este acordo “vai na mesma liña que o adoptado pola Deputación Provincial de Ourense no Pleno celebrado o pasado 29 de abril, e dos acordos plenarios dos propios concellos afectados”.
Axudas para seguros
A portavoz popular lembrou que a Xunta, concretamente a Consellería de Medio Rural, conxuntamente co Ministerio de Agricultura, incentiva con axudas públicas de ata un 40 por cento a contratación de pólizas de seguros que cubran estas continxencias climatolóxicas”.
Ademais, Isabel García puxo de manifestou que “as avaliacións corresponderán non só aos danos directos sobre as colleitas actuais, cereais de inverno que apodrecen por encamado, senón tamén sobre as posibles perdas do volume da colleita futura de pataca ou cereais de primavera que non se puideron sementar a tempo polos asolagamentos das leiras”. “Tamén se deberán avaliar as infraestruturas para reparar ou arranxar desperfectos en vías, sobre todo de concentracións, canles de regadío ou balados cortaventos”, apuntou.
“Desde o Grupo Popular consideramos necesario que as administracións públicas velen polo apoio, impulso e valoración dunha comarca punteira, motor económico do rural do interior da provincia de Ourense”, sinalou.