A Plataforma ProCAPD Ourense iniciou unha loita para a consecución dun centro para a atención a persoas con diversidade funcional en Ourense. A nosa provincia é a única que carece dun centro de continuidade deste tipo como existe nas provincias de Lugo, que dispón dun centro con 120 prazas en Sarria, Pontevedra, que dispón de outro en Redondela coas mesmas prazas, ou A Coruña que conta con outro.
Segundo denuncian dende este colectico, a Xunta de Galicia está a ser moi difusa coas opcións do centro e os seus compromisos non pasan, de momento, de meras promesas electorais.
Ante isto a plataforma remitiu a todos os grupos políticos de todos os concellos da provincia unha moción para instar ao Consello da Xunta a realizar os expedientes de modificacións orzamentarias do exercicio actual necesarios para comprometer o gasto e inversión de redacción do proxecto e execución da primeira fase do centro. Tamén insistiu en que dada a alta demanda que ten a provincia o CAPD que se abra en Ourense non debera ser menor que os de Lugo ou Redondela isto é que teña unha capacidade para máis de 100 persoas.
Debido á urxencia e a situación familiar das nais e pais o proxecto debera ser iniciado con carácter inmediato e plataforma solicita expresamente que de ningún xeito a empresa privada debe suplir a asistencia da rede pública polo que, tal e como vimos demandando, o centro debe ser 100% de xestión e titularidade públicas.
Anova, a través do seu concelleiro en Toén, Carlos Lorenzo Simon, levou ao pleno a dita moción que foi aprobada por unanimidade convertindo ao Concello de Toén no primeiro da provincia en apoiar a moción da Plataforma ProCAPD.