A Deputación de Ourense e o Bispado organizarán este evento que ten como obxectivo afondar na historia medieval e na evolución do cristianismo da provincia de Ourense.

Un congreso internacional reunirá en Ourense a expertos na figura de San Martín de Tours

Ourense acollerá no vindeiro mes de novembro o que será o primeiro congreso internacional sobre a figura de San Martiño de Tours, patrón da provincia de Ourense, evento que se celebrará conmemorando 1.700 anos do seu nacemento. Así o acordaron o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o bispo da Diócese de Ourense, Leonardo Lemos, na reunión que mantiveron na sede episcopal, acompañados dos investigadores medievalistas da Universidade Complutense de Madrid Jorge López Quiroga e Artemio Martínez Tejera.

O congreso, que está promovido pola Deputación de Ourense e conta co apoio do Bispado de Ourense, ten como obxectivo afondar na historia medieval da provincia ourensá e na evolución do cristianismo neste territorio, achegando novos datos da época pertencente á Alta Idade Media, na que se sitúan os reinos grecorromanos, os bárbaros e as transformacións do mundo romano, un período do que aínda se coñece moi pouca información referida a Ourense.

Para elo, afirma Manuel Baltar, “destacados especialistas internacionais de historia antiga de universidades españolas e doutras partes do mundo como A Sorbona (Francia), Hungría, Estados Unidos, Austria, Reino Unido, Brasil e Portugal analizarán a figura de San Martín de Tours e a súa influencia na configuración social, política, relixiosa e territorial da Gallaecia de época sueva, un período crucial da historia de Ourense e de Galicia”.

Durante a celebración do congreso un programa de visitas guiadas levará aos expertos internacionais a diferentes enclaves da provincia de Ourense, en concreto ao Museo Arqueolóxico Provincial, ao Mosteiro de San Salvador, en Celanova; á igrexa visitógica de Santa Comba de Bande e o centro de interpretación Aquis Quaerquernnis; ao Mosteiro de San Pedro de Rocas, en Esgos; e ao Mosteiro de Santo Estevo de Rivas de Sil, en Nogueira de Ramuín, entre outras localidades.

San Martin de Tours (316-397), orixinario de Panonia (Hungría), foi un soldado romano, monxe-eremita e bispo de Tours. A súa actividade pastoral caracterizouse por unha importante labor evanxelizadora, e supuxo un modelo e referente para San Martín de Dumio, coñecido como o “Apóstol dos Suevos”, quen desenvolveu a súa labor cristiá na Gallaecia daquela época.