Logo de que a semana pasada se concretase dentro do superávit de responsabilidade, o primeiro paquete de prioridades dirixido aos nenos e aos mozos, O presidente da Xunta avanzou na rolda de prensa do Consello deste xoves, un novo paquete de medidas co obxectivo de mellorar as condicións de vida das familias galegas en distintos eidos. “Destinamos deste xeito entre 58 e 60 millóns de euros do total dos recursos dispoñibles a catro grandes bloques de actuación: no ámbito da saúde, en materia de servizos sociais, en materia de vivenda e en materia de lecer”, precisou, asegurando que boa parte destes recursos destinaranse a continuar mellorando as prestacións da Sanidade Pública e as súas instalacións.
Con este obxectivo, explicou que se destinarán máis de 24 millóns de euros a tres medidas fundamentais. A primeira delas, a de incrementar a actividade asistencial, co obxectivo de rebaixar as listas de espera en consultas externas, en probas diagnósticas e cirúrxicas.
En segundo lugar, axilizarase a entrada en funcionamento de 24 novos centros de saúde; entre eles os do Couto e A Valenzá, que abrirán este ano. Procederase tamén á licitación doutros dez ambulatorios, como o Pereiro de Aguiar e Paderne de Allariz.
Feijóo anunciou tamén que se equiparán “completamente» todas as habitacións da ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, que se inaugurará antes de finalizar este ano e contará tamén cunha nova cociña. Tamén se crearán novas instalacións para as salas de resonancia nuclear magnética no hospital de Ourense.
Así mesmo, destacou que se farán melloras para a ampliación das súas capacidades no Hospital de Verín e no Hospital do Barco.
Servizos sociais
No eido dos servizos sociais e a atención ás persoas con máis dificultades, Feijóo avanzou a construción de dous novos centros, un deles en Ourense.
En materia de vivenda, destinaranse 4 millóns de euros ao Plan de aforro e eficiencia enerxética nas vivendas galegas, que conta así cun orzamento total de preto de 12 millóns de euros. Isto permitirá atender os proxectos de substitución ou mellora de fiestras, cubertas, fachadas e ascensores, chegando a 1.200 familias. E, investiranse 3 millóns a unha nova edición do programa do Igape para melloras en cociñas e baños.
Sobre este segundo punto, Feijóo subliñou que o Reforma16 incluirá axudas que suporán rebaixas de arredor do 40% nos custos de materiais e mobiliario, xerando 32 millóns de euros en obras de remodelación, para atender a 5.000 solicitudes.
Por último, e na liña do que se vén facendo a través do Plan Hurbe e do Plan de Infraestruturas comunitarias que xestiona Vicepresidencia e a Consellería de Medio Ambiente, destinaranse arredor de 10 millóns de euros a mellorar a habitabilidade de distintas vilas galegas.