Profesionais do Colexio de Enxeñería en Informática ensinarán a nais e pais instrumentos de apoio para previor riscos mentres nenos e nenas desenvolven a creatividade tecnolóxica en obradoiros.

La Molinera acollerá unha xornada para fomentar o uso seguro de Internet entre os cativos

O Centro de Coñecemento La Molinera convida a nais e pais a asistir á xornada «Rapaciñ@s. A tecnoloxía ben segura», que terá lugar mañá, venres, 20 de maio, de 18:30 a 19:30 horas. Organizada por Amtega, Colexio profesional de Enxeñería en Informática de Galicia e o Concello, fará unha análise do uso que fan os menores da Internet e os seus riscos desde diferentes perspectivas, e achegará instrumentos de apoios ás familias para previr riscos.

Á mesma hora, haberá un obradoiro para escolares, co obxectivo de ofrecerlles aos menores actividades relacionadas coas novas tecnoloxías nas que se combina o aspecto lúdico co didáctico. Recomendado para nenas e nenos de entre 8 e 14 anos, con obradoiros de programación e robótica educativa. As persoas interesadas poden inscribirse en www.ticketea.com/entradas-taller-rapacinos-ourense/.

A era dixital abre un mundo de posibilidades que require un bo uso das novas ferramentas por parte de nenas e nenos. «Rapaciñ@s» vai de normas e límites para un uso seguro da Internet e tamén de valores e oportunidades na esfera dixital. «Rapaciñ@s» inclúe unha serie de charlas informativas que percorre Galicia da man de profesionais do Colexio de Enxeñería en Informática de Galicia, coas que familias e docentes atoparán información e recursos de interese, mentres fillos e fillas adquiren hábitos seguros para navegar na rede e desenvolven a súa creatividade tecnolóxica en obradoiros pensados para que se divirtan e aprendan.

O Concello de Ourense amplía con este obradoiro as propostas de actividades de divulgación que desenvolve no centro La Molinera. “Queremos que sexa o punto de encontro de todos os ourensáns coas novas tecnoloxías -asegura o concelleiro de Servizos Xerais, Jorge Pumar- fomentar o seu coñecemento e bo uso, como é o caso desta actividade, que ademais achega un valor engadido polo seu carácter interxeracional. Os nosos cativos xa son nenos dixitais. Os pais temos que adaptarnos a esta nova realidade, e o asesoramento dos profesionais pode ser moi importante no noso labor educador dos fillos. La Molinera quere ser unha desas ferramentas para fomentar o bo uso da Internet”