O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar o anuncio para contratar, mediante procedemento aberto, a banda de música para o Concello de Ourense. Este expediente, coa correspondente aprobación das cláusulas administrativas e técnicas, declarando expresamente que o contrato ten un importe de 240.000 euros anuais, IVE incluido, foi aprobado a pasada semana mediante decreto da concelleira de Cultura.
O prezo fixado inclúe todos os gastos que deban realizar para o normal cumprimento das prestacións contratadas: equipamento, instrumentos (coa única excepción dos de percusión, atrís, cadeiras, etc..) e desprazamentos (coa única excepción dos realizados fóra da provincia).
A duración do contrato será de 2 anos, prorrogable anualmente ata dous anos máis, cun máximo de duración total de 4 anos.
Os concertos da banda de música realizaranse nos lugares indicados pola Concellería de Cultura, o departamento de Protocolo ou a propia Alcaldía. Poderán ser na propia rúa, en palco de música ou en edificios que reúnan as condicións mínimas para unha actuación musical, tanto no propio término municipal como fóra do mesmo.
As obrigas do contratista serán as seguintes: un mínimo de 45 actuacións anuais e un mínimo de 40 músico s e un directo de banda; un concerto quincenal como mínimo no municipio de Ourense; a colaboración coa Concellería de Cultura, Alcaldía e Protocolo; a realización de actuacións con carácter esporádico, fóra do término municipal; e que alumnado do Conservatorio e da Escola Municipal de Música poidan participar dos ensaios e actividades que organice a banda, outorgándolles preferencia para futuras incorporacións ao seu cadro.