A edición número 699 da Festa do Boi vivirá este venres, unha xornada preliminar coa inauguración de dúas exposicións con diferentes protagonistas e estilos pero un denominador común: a tradición máis senlleira de Allariz.
Unha das propostas que este ano se incorporan ao programa festivo é a mostra “ExpoBoi 2016. A festa feita arte”, que permanecerá na Casa da Paneira, na praza maior da vila, dende o 20 de maio, ata o 19 de xuño. Está organizada pola Asociación Cultural Xan de Arzúa e colabora o Concello de Allariz. A entrada á exposición é gratuíta.
Nove artistas alaricanos presentan durante un mes a súa particular visión sobre a Festa do Boi, con pinturas e esculturas alusivas á tradición. As obras levan a sinatura de Xaime Piñeiro, Arturo Andrade, Vicente Escudero, Pablo Fernández, Xabier Varela, José Famos, Luchy Polo, Luis Pachón y Antonio Soria Rocafort.
A mostra é herdeira de experiencias pioneiras, as ExpoBoi de finais dos anos oitenta, que ocuparon os deteriorados espazos públicos e os baixos abandonados do casco histórico nunha mensaxe reivindicativa a prol da recuperación do patrimonio alaricano. Recuperado e revitalizado o casco histórico, esta “ExpoBoi 2016. A festa feita arte” perde aquel carácter de denuncia e preséntase nun espazo rehabilitado e dedicado dende hai anos a usos administrativos e culturais, a Casa da Paneira.
A mirada dos nenos, na Fundación Risco
A segunda exposición que se inaugura este venres, ubícase na casa museo de Vicente Risco. A fundación que conserva o legado de Risco colabora coa Asociación Cultural Xan de Arzúa na montaxe da mostra “ArteBoi. A mirada dos nenos”. Os artistas son, neste caso, os alumnos de 3º de primaria do colexio Padre Feijoo.
Trátase dun proxecto educativo no que non só participaron os alumnos senón tamén as súas familias, implicadas cos seus fillos e fillas no desenvolvemento de capacidades creativas e habilidades manuais.
A mostra estará aberta ao público na sala de exposicións da casa museo Vicente Risco, na rúa San Lourenzo, ata o 19 de xuño. A entrada é gratuíta.