Ourense en Común rexistraba este luns unha petición para instar ao equipo de goberno do Partido Popular a convocar en próximas datas a Mesa Municipal de Mobilidade, que cumpre esta semana dous meses sen reunirse, desde o pasado 28 de marzo.
Ourense en Común xa apremiara no mes de abril esta convocatoria, “entendendo que o Transporte Metropolitano debería ocupar o groso da reunión”; mais lonxe de convocar, informar e consultar aos diferentes colectivos representados na Mesa Municipal de Mobilidade, o Partido Popular aprobou o convenio para a posta en funcionamento deste transporte, que de seguro “condicionará o transporte público urbano e as propias dinámicas de movemento interno. Non é un tema menor e, tal e como se veñen realizando reunións con outros colectivos, a Mesa Municipal de Mobilidade debería estar informada e levar un seguimento da súa implantación”, apunta Martiño Xosé Vázquez, de Ourense en Común.
“Vanse cumprir dous meses da última reunión e non temos información dos moitos compromisos asumidos perante os diferentes colectivos que teñen representación na Mesa. Namentres aparecen tamén nos medios algúns outros que non foron tratados neste foro como a implantación dun carril bici en vías de titularidade autonómica ou a peonalización de rúas.”
Para OUeC, «a inactividade do Partido Popular para asumir un compromiso e convocar á Mesa co carácter periódico e recorrente que debería de ter, evidencia o pouco interese que o actual equipo de goberno ten en escoitar aos diferentes colectivos representados».
A Mesa de Mobilidade constituíase no pasado mes de outubro de 2015, tras aprobarse en pleno no mes de agosto unha moción de Ourense en Común para este fin.