O 10º Salón Internacional das Persoas Maiores celébrase mércores e xoves en Expourense.

Galisenior centrarase na prevención da dependencia

A prevención de situación de fraxilidade será o eixo sobre o que xire a 10ª edición de Galisenior, Salón Internacional das Persoas Maiores, que se celebrará en Expourense o días 25 e 26 de maio. Esta cita volve contar co apoio de todos os axentes sociais involucrados na mellora da calidade de vida e benestar deste importante segmento de poboación na nosa sociedade. Así tomarán parte as distintas administracións, diferentes empresas do sector, a Universidade, colexios profesionais e numerosas asociacións de maiores de toda Galicia.

A 10ª edición de Galisenior foi presentada no salón de plenos do Concello de Ourense nun acto no que participaron o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, a Concelleira de Asuntos Sociais e Sanidade, Sofía Godoy, o Xefe Territorial da Consellería de Política Social, José Selas Souto, o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, o pesidente do Comité asesor de Galisenior, Alberto Vaquero, e a directora adxunta de Expourense, Emma González.

De carácter bienal, Galisenior é a única feira destas características que se celebra no noroeste peninsular e que está especialmente dirixida a un núcleo de poboación que representa o 31% da pobación ourensá. Este salón servirá de plataforma para promover as accións que se están a levar a cabo en Galicia, destinadas a reducir o impacto da dependencia na calidade de vida, tanto de quen a padece como do que exerce de coidador.

Como detallou a directora adxunta de Expourense, Galisenior xirará sobre tres eixos principais: a área expositiva, as xornadas técnicas profesionais e o programa de actividades para os propios maiores. Prevese que entre os dous días pasen polo recinto feiral ourensán entre catro e cinco mil persoas, chegadas de diferentes puntos de Galicia e do Norte de Portugal.

Datos

Acudirán en Galisenior un total de 50 expositores, entre os que estarán tanto o IMSERSO, como a Consellería de Política Social, a Deputación Provincial e e Concellería de Asuntos Sociais de Ourense. Todos aproveitarán a súa presenza no salón para dar a coñecer as políticas sociais que están a poñer en marcha e para comunicarlle aos maiores, as familias e aos profesionais que traballan con eles, todos aqueles servizos dos que poden beneficiarse. A Deputación, en particular, achegará o seu programa de Termalismo Social, confirmaba o seu vicepresidente na presentación de Galisenior.

Tamén contarán con stand outras entidades como colexios profesionais e asociacións, así como empresas provedoras de produtos e servizos especializados (apoios técnicos, oferta residencial, servicios sociosanitarios, psico-eduación, neurorehabilitación, balnearios e turismo senior, entre outros).

Xornadas técnicas

O comité asesor de Galisenior deseñou unha nova edición do programa das Xornadas Técnicas, que se desenvolverán de forma paralela á feira e estarán dirixidas a profesionais do sector e a futuros traballadores con este colectivo cun alcance multidiscilplinar. Participarán cerca de 40 relatores de España e Portugal.

Especializadas na prevención de situacións de fraxilidade nas persoas maiores, estas xornadas tocarán outros temas como a promoción da autonomía baseada nas novas tecnoloxías, experiencias na promoción do avellantamento activo e saudable, ou recomendacións nutricionais. Tamén se presentarán programas da Universidade destinados a terceira idade e estudos como resultado da investigación universitaria en distintos campus de Galicia e Norte de Portugal. O enfoque práctico será aportado por un obradoiro sobre movilización de persoas con problemas neurolóxicos.

Actividades

Na Área de participación activa, Galisenior presenta toda unha oferta, con máis de 50 actividades diferentes, que convidan a participar a quen o visite, tanto as propias personas maiores coma as súas familias e aqueles que traballan con eles, tanto de xeito formal como informal. O programa está orientado a fomentar a adopción de hábitos saudables e preventivos, así como a introducir aos visitantes en novas fórmulas de lecer activo ou ampliar os seus coñecementos sobre novas tecnoloxías de reforzar as súas habilidades sociais.

Entre as novidades destacan as actividades relacionadas coa planificación financiera, obradoiros prácticos de nutrición, ou terapias asistidas con animais.

Ademais, volverase a celebrar o Concurso de Cociña Saudable, aberto aos afeccionados maiores de 60 anos, e os 11 centros sociocomunitarios que a Xunta ten na provincia de Ourense participarán con coreografías de exercicio físico.

O horario da feira será mércores 25 e o xoves 26 de 10 a 14. e de 16 a 19 horas. A entrada á feira e a participación nas actividades son gratuitas.