Os establecementos comerciais asociados a AGAECA, o deporte e a promoción do comercio local combínanse na programación prevista para o sábado 28 de maio na Valenzá. A “Noite Encantada” pretende “pór en valor o comercio de proximidade e actividades dirixidas a tódalas idades”, explicaba o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, na presentación deste evento. Dende o Concello “ponse a disposición da organización da Noite Encantada tanto a infraestrutura como a campaña de publicidade”, sinalaba Valcárcel.
A delegada de AGAECA, Delmi Fernández, enumerou as actividades programadas para o sábado: a xincana infantil (con premios) para menores de 7 a 10 anos que se desenvolverá entre as 5 e as 9 da noite; a exhibición de zumba no parque da Liberdade ás 17 horas; e a carreira para bebés ata 13 meses que será ás 19,30 fronte ao centro de saúde da Valenzá.
A carreira popular completa o programa da «Noite Encantada» e terá lugar entre as 17,30 e as 20 horas. A carreira na súa categoría absoluta terá un percorrido de 7,5 quilómetros e transcorrerá non só por Barbadás, senón tamén por outros pobos do municipio como As Lamas ou Barbadás. O comisario de AGAECA, José Andrés Montero, indicou que ata o momento hai inscritos para a modalidade absoluta 220 participantes, ademais dos 150 nenos e nenas nas modalidades de benxamín, alevín e infantil e cadete.
Na «Noite Encantada» participan un total de 22 establecementos adheridos, que permanecerán abertos ata as 11 da noite. A concelleira de Comercio, Marga Pérez, animou a veciños e visitantes a participar nesta iniciativa que pretende promocionar o comercio local.