O Conservatorio Profesional de Danza de Lugo presentará o seu último espectáculo, «Unha gala de cine» no Auditorio este venres 27 a partir das 20:00 horas. Trátase dun percorrido por 15 películas a través de pequenas coreografías nas que participarán todos os niveis do alumnado do Conservatorio, único centro público de danza de Galicia. A concelleira de Cultura, Belén Iglesias, salientou a variedade de espectáculos que está a acoller o Auditorio: “Estamos tendo moitas actividades de diversos estilos, onde procuramos compensar fórmulas consolidadas con outras máis arriscadas” coma a deste venres.
Isabel Méndez e Raquel González, da dirección do centro, agradeceron a colaboración do Concello e animaron o público en xeral, “pero en especial ás escolas de danza da cidade”, a asistir ao espectáculo, que é de carácter gratuíto até completar aforo.
Entre esas películas está «West Side Story», que esta fin de semana escoitarase en sesión dobre no Auditorio de Ourense: o sábado, a partir das 20:00 horas, a sala principal acollerá 30 bailaríns representando a rivalidade de dúas bandas no West End de Nova Iork na década dos 50. O drama leva a que representantes das dúas faccións namoren un do outro… As entradas poden adquirirse en Ataquilla.com ou na billeteira do Auditorio dúas horas antes da función.
O domingo, infantil
«Os soños na Gaiola», obra de homenaxe a Manuel María, é a obra que encherá de actividade o horario infantil do Auditorio: o domingo ás 12:00 horas. A través da música e do xogo, os asistentes irán coñecendo os poemas do poeta chairego.