Os concelleiros do Grupo Municipal Socialista Concepción García e Javier Rey reuníronse cos veciños da urbanización de vivendas sociais xunto a estación de autobuses para dar a coñecer moción sobre os usos futuros do solar. Unha reunión na que ademais de explicar a súa proposta de construción dun novo parque público para uso e desfrute dos veciños das Vivendas Sociais recolleron inquedanzas e preocupacións dos veciños.
Os socialistas comprometéronse a defender unha solución consensuada e que se adapte ás necesidades da zona, motivo polo que o acordo que propoñen na moción pide “que se consensúe cos grupos municipais representados na corporación, técnicos e funcionarios da concellería de Medio Ambiente, e representantes veciñais do Barrio do Pino, ideas e propostas co fin de encargar un proxecto integral e adaptado ás necesidades da zona, para a construción do novo parque público no barrio.”
A maiores na reunión os socialistas fixeron fincapé no seu compromiso cos veciños da urbanización de vivendas sociais con proxectos como o Bulevar Termal paralizado polo goberno do Partido Popular e que xunto co futuro do solar da Estación cambiarán por completo a zona mellorando o entorno das vivendas sociais nas que residen preto de mil persoas.