O Partido Popular de Ourense anunciou a apertura dun expediente de expulsión a Manuel Ferreiro Fernández e José Antonio Fernández González, ambos os dous concelleiros no Concello de Rairiz de Veiga, segundo informou o secretario xeral dos populares ourensáns, Rosendo Fernández, quen advertiu que o partido “nunca permitirá actitudes desleais que prexudiquen á nosa formación, á súa presenza nas institucións e aos seus representantes”.
O problemas na formación popular de Rairiz comezaron cando o ex alcalde do PP Xosé Xaquín Rodríguez Ambrosio foi inhabilitado a finais de 2015 por prevaricar, e o sustituíu unha edil da súa máxima confianza, Asunción Morgade. Dende entón, a nova alcaldesa foi acusada en numerosas ocasións de actuar dirixida por Rodríguez Ambrosio, e estes dous edís populares apoiaron a iniciativa do PSOE para forzar a súa demisión tras coñecer que recentemente a rexedora ofrecera ao seu predecesor no posto acompañala a unha reunión co conselleiro de Política Social.
O expediente de expulsión baséase no artigo 13.1.d) dos estatutos do PP, que cualifica como infracción moi grave a “manifesta deslealdade ao Partido, aos seus órganos de goberno e representación, entendida esta como toda acción u omisión voluntaria encamiñada a prexudicar o interese xeral do Partido”.
Para Rosendo Fernández, “ambos os dous concelleiros veñen demostrando dende hai tempo que non teñen reparos en obstaculizar o labor de goberno do Partido Popular en Rairiz de Veiga, mesmo poñendo todo tipo de atrancos ao traballo da alcaldesa”.
O secretario xeral dos populares de Ourense foi taxante ao denunciar a falta de ética dos concelleiros, “que na práctica están a facer oposición contra o seu propio partido, posicionándose con outra formación contra as propostas de goberno do PP e ata pedindo a dimisión da rexedora”.