Dende o BNG-AA de Celanova veñen de denunciar as contratacións realizadas polo presidente da Mancomunidade Terras de Celanova, José Antonio Pérez, a familiares e achegados, así como a recente utilización dun espazo público da institución para a celebración do cumpleanos do seu neto.
Segundo os nacionalistas Pérez empregou na Mancomunidade a unha longa lista de parentes e doutros cargos do PP. “O presidente contratou a sete dos seus parentes: o seu fillo, Pablo Pérez; a parella deste; o seu fillo José Manuel; a curmá da súa muller; a muller do seu primo e a filla da curmá”, detallan.
Pero a denuncia non remata aí. “A árbore xenealóxica dos contratados por Pérez Cortés súmanse outros parentes de cargos do PP da mesma comarca, como Juan Carlos García, fillo dun ex-concelleiro; Manuel Álvarez, irmán dunha ex-concelleira e fillo dun ex-concelleiro; Rosa Fondevila, nora dun ex-concelleiro e cuñada dunha ex-concelleira; Benigno Lloves, fillo político dun ex-concelleiro casado cunha ex- concelleira; María do Carme Barcia, nora dun ex-concelleiro e neta doutro; José Fernández, sobriño político doutro ex-concelleiro; Jonathan Vergara, candidato na lista do PP de Quintela de Leirado; Alfonso Rodríguez, primo do alcalde da Merca; e Mariña Fernández, cuñada do alcalde da Merca”, especifican dende o BNG-AA.
Ademais, recentemente fíxose público que o popular empregou un espazo público da Mancomunidade para festexar o cumpleanos do seu neto. “Non só os enchufes caracterizaron a súa xestión senón que agora, usa as dependencias como se fose o seu salón da casa”, denuncia o voceiro nacionalista en Celanova, Leopoldo Rodríguez.
Ante estes feitos o presidente da Mancomunidade apuntou que “esta actividade non supuxo gasto para a Fundación, xa que o aniversario se celebrába de día”, e asegurou que debía verse nun contexto de “normalidade”, porque este espazo se cede a outras actividades.
Por iso, o BNG-AA de Celanova pedirá no pleno de xuño (que se celebra este martes 7) a reprobación do popular. “Reprobar a un político non é máis que un xeito que temos @s representantes públicos de expresar a nosa repulsa, e con ela a da sociedade, por unha actuación ou por unha actitude”, explican. Coa reprobación e petición de dimisión, o BNG entende que José Antonio Pérez “non pode, nin debe, permanecer un día máis á fronte da institución”.