Abre a inscrición nas Actividades de Verán 2016 que desenvolven os Centros Cívicos do Concello de Ourense para nenos e nenas de Educación Infantil e de Primaria. O obxectivo que se persegue con estas actividades é “que os nenos e nenas se divirtan, se relacionen e aprendan convivindo con outros rapaces e rapazas no marco do centro cívico”, en palabras da concelleira de Asuntos Sociais, Sofía Godoy. E a forma de axudar as familias a conciliar a vida laboral e familiar neste período de vacacións é a de ampliar o horario das actividades: de 10:00 horas a 13:30 horas, principal novidade desta edición.
As actividades realizaranse nos centros cívicos de Colón, A Cuña, A Ponte, As Termas e Seixalbo durante os meses de xullo e agosto de 2016. Nos dous últimos centros, As Termas e Seixalbo, só ata as 13 horas. Serán de luns a venres e dividiranse en quincenas: do 1 ao 15 de xullo, do 18 ao 29 de xullo, do 1 ao 16 de agosto e do 17 ao 31 de agosto.
Son completamente gratuítas e, para ter a posibilidade de acceder a elas, o neno ou a nena deben estar empadroados no Concello de Ourense. Haberá, igualmente, que cubrir unha solicitude que se pode recoller nos Centros Cívicos ou na Oficina de Atención Cidadá, e entregala no Rexistro do Concello entre o 9 e o 16 de xuño de 2016 (ambos incluídos).
Todas as solicitudes en prazo deberán ter concedida algunha das quincenas de preferencia antes de que se poida gozar dunha segunda. A admisión nas quincenas será por orde de entrada no Rexistro Xeral do Concello.
Máis posibilidades de conciliación
Estes programas de conciliación de vida laboral e familiar que leva a cabo o departamento de Asuntos Sociais veranse ampliados en breve co Espazo Coeduca que desenvolve o Centro de Información Municipal da Muller (CIMM), e cuxo prazo de solicitudes se abrirá en breve. “A idea”, apunta a concelleira Godoy, “é que ningún barrio da cidade quede sen darlle a posibilidade ás familias a oportunidade de combinar lecer para os máis pequenos e traballo”