O Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras recibiu este martes a visita de Javier Luengo, director editorial da Guía Peñín, coa finalidade de catar os viños desta D.O. para a súa inclusión na vindeira edición da publicación. Nunha primeira valoración das catas efectuadas, Luengo sinalou que “Valdeorras camiña con paso firme na elaboración de viños de excelente calidade”.
Luengo avaliou mostras de máis de 100 referencias de viños, enviadas pola práctica totalidade das bodegas que conforman a D.O. No caso dos tintos catados, Luengo puxo en valor que “a colleita de 2015 de Valdeorras inclúe viños con bastante expresión”. Ademais, “posúen rasgos varietales moi marcados e bocas con moita estrutura, algo que é tendencia nos mercados internacionais”. Os viños tintos de Valdeorras “están moi ben definidios” e “percibimos unha relevante mellora con respecto ao ano pasado”.
No caso dos brancos, o director editorial da Guía Peñín, que se desprazou ata Vilamartín de Valdeorras acompañou dun dos membros do seu equipo, Pablo Vecilla, afirmou que se percibe “un gran equilibrio entre froita e madeira”. Case todos os viños brancos catados son de 2015, aínda que tamén se testaron algúns de colleitas anteriores. “Estanse axustando os tempos de crianza en barrica, o que é moi positivo porque permite que a froita se exprese”, asegurou Luengo. Xunto a isto, as novas referencias de branco de “alta gama”, con crianza sobre lías, achegan un plus diferenciador e “incorporanse ao máis alto dos viños da D.O.”
Publicación de referencia
A Guía Peñín é unha publicación de referencia no sector do viño dentro do ámbito nacional e, mesmo, internacional. Son moitos os importadores que antes de decantarse por un viño comproban previamente a súa puntuación nesta publicación. Por isto, a cata de hoxe é de gran relevancia para os bodegueiros da zona, xa que a publicaicón contribuirá ao impulso e proxección exterior dos viños de Valdeorras.