A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria executará, aproveitando o período non lectivo dos meses de verán, un total de 117 obras de mellora nos centros educativos da provincia de Ourense ao abeiro do Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas 2016-2020 e do plan anual RAM. En total, serán preto de 5 millóns de euros que se destinarána mellorar 89 centros de ensino de 51 concellos da provincia.
A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, considera que estas actuacións son unha “mostra clara” da aposta que está a facer a Xunta pola educación pública “porque investir en equipamento é tamén investir en calidade”.
A maioría das reformas centraranse na eficiencia enerxética, reparación de cubertas e fachadas e ampliación de patios e de centros. Tamén se contemplan outros proxectos menores de reparación da instalación eléctrica, pintura ou substitución da carpintería exterior.
Os centros educativos máis beneficiados con estas achegas son os pertencentes á capital das Burgas, cun orzamento de preto aos 2,7 millóns de euros. Por comarcas, a da Limia é a que se lle destina a partida máis grande, seguida da de Verín, Valdeorras, O Ribeiro, O Carballiño e Terra de Celanova.
A gran parte destes traballos de mellora executaranse durante as vacacións de verán, co fin de non interferir na actividade académica e para que poidan estar rematadas de cara ao inicio do novo curso escolar.